Un conto dos Bolechas axuda a explicar a enfermidade celíaca

A Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) e Mercadona presentan un novo conto dos Bolechas que axudará a explicar que é a enfermidade celíaca a toda a sociedade e, especialmente, aos máis novos.


08 de abril de 2019



O oso celíaco de Sonia é o título do novo conto dos Bolechas editado pola Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) en colaboración con Mercadona e destinado a achegar a enfermidade celíaca a toda a sociedade galega. “A publicación está enfocada a desenvolver o coñecemento sobre a enfermidade celíaca desde idades temperás, e non vai dirixido unicamente aos nenos celíacos, senón que é un conto que achega a todos os pequenos a celiaquía, dando a coñecer á sociedade a problemática da devandita enfermidade e fomentando a integración social dos nenos e nenas que a padecen” afirmou Maite García, presidenta de Acega durante a presentación.

Un conto dos Bolechas

Ana que é veciña dos Bolechas e, ademais, é celíaca, explícalles aos seus amigos que é a enfermidade, como se diagnostica e a forma de tratala, dando especial importancia á alimentación, xa que como di a nena “nos fan falta nin inxeccións, nin xaropes, nin medicinas”. O único que teñen que facer as persoas celíacas “é comer e beber alimentos sen glute”. Durante o relato, Ana explica que alimentos poden comer os celíacos e dá consellos para facer a compra e para manipular os alimentos á hora de cociñar.

Desde Mercadona agardan que a experiencia de Ana axude a cativada “a entender mellor a enfermidade, contribuíndo a mellorar a convivencia e a integración dos pequenos celíacos”, asegurou Mariña Rivas, xerente de RR. EE. Desde Mercadona destacan o “especial compromiso” que manteñen desde hai anos coa Asociación de Celíacos de Galicia, coa que desenvolven múltiples accións para “normalizar a vida das persoas que padecen esta intolerancia alimentaria e contribuír a tomar conciencia da enfermidade”.

A primeira edición do libro consta de mil exemplares que a asociación entregará entre os seus asociados que busquen asesoramento ou participen nas múltiples actividades que organizan.









Arquivos