Numerosos Concellos de toda Galicia botaron man dos Bolechas para falar de igualdade neste Día Internacional Contra a Violencia de Xénero. Un deles foi o de Arbo, que está a entregar a escolares do colexio Antonio Carpintero o libro En Arbo somos iguais.
Hoxe, como cada 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, unha data especialmente signficativa para a sociedade. Os Bolechas levan moito tempo traballando non só a prol da eliminación da violencia de xénero senón a favor da igualdade, de forma que desde as primeiras idades as nenas e nenos de Galicia entendan a importancia de non exercer ningún tipo de discriminación –tampouco de xénero– e de fomentar a igualdade de todas as persoas.
Este ano foron moitos os Concellos e entidades que aproveitaron a boa acollida dos Bolechas para achegar esta mensaxe a escolares de infantil e primaria. Onte mesmo, alumnas e alumnos de sexto de primaria do Colexio Antonio Carpintero de Arbo recibiron os contos En Arbo somos iguais. O director do centro, Javier Rodríguez, e a concelleira de Servizos Sociais, Salomé Troncoso, realizaron unha entrega simbólica no patio do colexio e hoxe os titores repartirán máis de 135 libros entre todas as alumnas e alumnos.
Máis propostas para un tema transversal de máxima relevancia
Pero non son os únicos! Máis dunha ducia de concellos están a distribuír os seus propios contos arredor desta temática e hai moitas máis propostas no eido da igualdade e a eliminación da violencia de xénero, como as Xornadas en Igualdade que se están a desenvolver desde hai varias semanas por toda Galicia e algunhas sorpresas que pronto desvelaremos.
Porque para os Bolechas, todos os días son o día contra a violencia de xénero.