O Universo Bolechas estará durante todo o día na festa Voz Natura

A familia Bolechas volve a estar na festa de fin de curso que Voz Natura organiza este sábado, 7 de xuño, no parque de Acea de Ama, en Culleredo. Desde as 11:00 ata as 19:30 h o autobús dos Bolechas acollerá a todos os nenos e nenas que desexen achegar ao Universo Bolechas. 


06 de xuño de 2014



Os Bolechas farán un pasacalles polo parque de Acea de Ama ás 11:30 h e volverán a saír no momento central da xornada, ás 13:15 h, para a entrega dos premios Voz Natura.

Pero durante todo o día os pequenos poderán visitar o bus Bolechas e gozar coas múltiples actividades preparadas. Na segunda planta haberá proxeccións da serie dos Bolechas e karaoke, para que os pequenos poñan a proba o seu talento musical. As sesións previstas de karaoke serán ás 16:30, 17:30 e 18:30 h.

No primeiro andar os nenos e nenas poderán ler as historias dos seus personaxes preferidos, xogar ou divertirse coas actividades preparadas polas monitoras na ludoteca.

A presenza dos Bolechas, posible grazas á colaboración da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forma parte da festa de fin de curso do programa Voz Natura que organiza a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e que este ano tivo como tema as enerxías alternativas.

Durante toda a xornada exporanse os traballos realizados polos máis de 51.000 alumnos e 3.000 profesores de toda Galicia que participaron neste curso. A entrada ao recinto da festa á libre para todas as persoas que desexen asistir e a participación nas atraccións é completamente gratuíta. 









Arquivos