Dúas bonecas é o título do fermosísimo tema composto por Eladio Santos para Os Bolechas fan unha banda. Sen dúbida o seu grupo, Eladio y los Seres Queridos, é un dos máis relevantes do panorama musical galego. Recoñecidos como a mellor banda de pop e indie na primeira edición dos Premios Galegos da Música, traballan xa no seu terceiro álbum.
Tras o seu paso por distintas formacións, Eladio Santos monta en 2005 Eladio y los Seres Queridos. Dous anos máis tarde o grupo presenta o seu primeiro traballo, Esto que tienes delante co que xira por todo o país. Tras varios cambios na formación, en 2009 empezan a gravación do seu segundo disco, Están ustedes unidos (2011), que consegue o favor da crítica e do público. Con el percorren toda a xeografía española e pasan polos principais festivais: Primavera Sound, Ebrovisión, Sonorama, Portamérica, Monkey Week... Actualmente traballan no que será o seu terceiro LP, pero fixeron un alto para aportar un dos temas máis tenros ao libro-disco dos Bolechas, Dúas bonecas.
Como foi a experiencia de facer un tema específico para un disco infantil?
Creo que foi a nosa primeira vez e... moi divertido. Puiden usar un montón de sons e truquiños que normalmente están vedados.
Que foi o máis complicado?
Foi natural e sinxelo; pensei nela uns días, apuntei rimas e inspireime nas miñas fillas… fíxena pola tarde e graveina pola noite.
Que che pareceu o resultado do disco?
Moi bonito, parece un vinilo! Fíxome moita ilusión.
Cres que é importante achegar os máis novos á música actual, máis alá da tradicional música infantil?
As miñas fillas escoltan a mesma música ca min, non creo moito na música infantil como xénero; pódese usar calquera tipo de canción para facer unha mímica ou un baile e facela máis interesante para eles.
En que andan agora Eladio y los Seres Queridos?
Demos e preprodución do próximo disco. Lévanos sempre moito tempo e traballamos sobre moitos temas, pero supoño que finais da primavera estaremos xa no estudio e no outono ou así esperemos que estea xa na rúa.