Os Bolechas percorren Galicia co Sabichón

Os Bolechas inician esta fin de semana unha xira que os levará por 48 cidades e vilas galegas. A iniciativa forma parte do programa FalaRedes 2014 e servirá para dinamizar o galego entre os máis novos a través dun divertido concurso.


08 de maio de 2014



O Sabichón e Os Bolechas é unha nova proposta lúdica e didáctica para fomentar a lingua galega entre os máis cativos. Pensada para nenos de 3 a 9 anos, e para as súas familias, a actividade está ideada a modo de concurso cun miniteatro que abre e pecha cada sesión.

Os Bolechas preséntanse en forma de monicreques manipulados por actores á vista, modalidade novidosa en Galicia utilizada tamén este Nadal no espectáculo Os Bolechas cantan con Lady Vina. No concurso participan dous equipos, cada un liderado por un Bolecha e varios nenos e nenas do público que terán que enfrontarse a unha serie de preguntas e probas para demostraren coñecementos e habilidades, todo nun divertido set creado en exclusiva para o concurso. O contrapunto aos Bolechas porao a Sabichona, unha personaxe un pouco prepotente e, como o seu nome indica, moi “listiña”, que exercerá de presentadora.

A actividade, que forma parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) no marco do programa FalaRedes 2014 da Secretaría Xeral de Política Lingüística, desenvolverase en auditorios, casas da cultura e nos espazos marcados por cada Concello. Aínda que é gratuíta, o aforo é limitado polo que cada Concello marcará a forma de acceso á función.

Toda a información sobre a actividade, así como a axenda de municipios, lugares de representación e hora da mesma están dispoñibles na web do Sabichón, www.osbolechas.gal/sabichon









Arquivos