Os “Bolechas Deportistas” comezan a súa xira de verán viaxando no tempo
Nesta segunda edición da xira, a familia visitará quince concellos galegos nunha caravana itinerante cunha programación chea de xogos e sorteos para os máis cativos para gozar do verán e divertirse
O secretario de Política Lingüística, Valentín García, presentou a segunda edición da xira “Os Bolechas Deportistas xogan no tempo
A xira arranca mañá en Ribeira, ás 12.00 horas, e remata no concello ourensán da Pobra de Trives
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023.- Os Bolechas comezan a súa xira de verán “Os Bolechas Deportistas xogan no tempo”. É a segunda edición desta iniciativa, durante a cal visitarán quince concellos galegos co principal obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudables entre os máis cativos. A xira arranca o 23 de xuño no concello de Ribeira, ás 12.00 horas, na Avenida do Malecón.
O secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, foi o encargado de presentar esta mañá o inicio da xira de verán dos Bolechas no Pazo de San Roque, remarcando a importancia desta iniciativa xa que “Os Bolechas son un referente positivo para os cativos na promoción e o uso da lingua e cultura galegas, así como unha forma de dinamizar o ocio en galego”, sinalou. Esta iniciativa enmárcase dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Os Bolechas viaxarán por toda a xeografía galega coas súas aventuras para ensinar as vantaxes de practicar deporte e levar unha vida activa. Nesta nova odisea, os irmáns viaxan nunha caravana itinerante co seu avó, quen está moi contento por esta excursión cos seus netos. Para non aburrirse e pasalo ben, Braulio decide construír unha máquina coa que practicarán os deportes do pasado, presente e futuro.
A través dun teatro de monicreques e outras actividades complementarias a pé de rúa como sorteos de libros, a iniciativa pretende espallar a sabedoría e as ganas de pasalo ben que acompañan a familia, así como fomentar o uso da lingua galega no ámbito deportivo. Os Bolechas Deportistas contribúen a fomentar o idioma galego e a importancia de exercitarse entre as nenas e nenos para levar unha vida activa.
Unha caravana e quince concellos
Cun total de quince actuacións, o concello de Ribeira será a primeira parada da familia o 23 de xuño, seguido de Chantada, Barreiros, Campo Lameiro, Vilanova de Arousa, Castro Caldelas, Boqueixón, O Pereiro de Aguiar, Quiroga, Frades, Mondariz, Ares, Baiona e Bande. A derradeira excursión dos Bolechas será o sábado 5 de agosto, no municipio ourensán da Pobra de Trives. Na web osbolechasdeportistas.com poderán consultar toda a información e datas das actuacións.
Ademais de consultar o calendario da xira, na web os cativos poderán descargar unha unidade didáctica sobre deporte, ficheiros para colorear, pasatempos como encrucillados e sopas de letras; así como dous test de avaliación, un máis doado e outro difícil, para poñer a proba os seus coñecemento sobre deporte. Tras pasar o exame, os que o desexen, poderán descargar un diploma que acredita a súa condición de deportistas avanzados.