Presentamos na Real Academia Galega a colección As miñas primeiras Letras Galegas

A Real Academia Galega acolleu hoxe a presentación da nova colección dos Bolechas adicada aos autores aos que se homenaxeou nas Letras Galegas. Eduardo Pondal abre a serie, na que tamén estarán nomes como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ánxel Fole e Manuel María. 


01 de decembro de 2016



Os Bolechas foron recibidos hoxe na sede da Real Academia Galega polo seu presidente, Xesús Alonso Montero, xunto a 32 alumnos e alumnas do CRA Boqueixón-Vedra "Neira Vilas" que asistiron á presentación da colección As miñas primeiras Letras Galegas, que conta co apoio da RAG.

Trátase dunha serie destinada a achegar o público infantil á vida e á obra de grandes nomes da nosa literatura que protagonizaron algún Día das Letras Galegas. E farao, como con cada entrega desta familia, de xeito divertido á vez que didáctico, afondando ao mesmo tempo no coñecemento da lingua propia de Galicia.

Os escolares abriron o acto recitando o poema “A fala” de Eduardo Pondal, o protagonista do primeiro libro da colección e autor da letra do Himno, que tamén entoaron no peche da presentación desde as cadeiras dos académicos de número. 

Un privilexio aprender xogando

“É un privilexio que, xogando e pasándoo ben, poidades aprender a vida de Rosalía de Castro, de Manuel María ou de Curros Enríquez, empezando pola de Pondal”, explicou o presidente da Academia ao público cativo, que aplaudiu a decisión de iniciar a colección co libro dedicado a Pondal, xa que nun mes e medio comezará o ano do centenario do seu pasamento.

O editor, Antonio Couto, destacou o feito de que grazas aos Bolechas "toda unha xeración de galegas e galegos se achegase á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida" e asegurou que este é "un día feliz" porque se fai realidade un proxecto "longamente anhelado". Tamén 

O director de mercadotecnia de Caixa Rural Galega, José Manuel López Marcos, salientou o interese da entidade por contribuír á divulgación da nosa lingua e da nosa cultura, "o reflexo dun pobo" e o mellor xeito de "preservar" a nosa identidade.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística recordoulles aos escolares que na RAG se decide quen é cada ano a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas e destacou que Os Bolechas teñen “unha identificación moi especial”, o feito de falaren sempre galego, e animounos a seguir o seu exemplo.

Eduardo Pondal

Pepe Carreiro toma unha obra do autor homenaxeado en cada volume e convértea nun entretido conto no que os lectores van descubrindo quen é o persoeiro ao tempo que gozan dunha das aventuras típicas dos Bolechas. Cada relato complétase cunha breve biografía e un repaso ás principais obras da figura que protagoniza o libro.

O primeiro volume, Eduardo Pondal, narra a descuberta de América a través dos versos d’Os Eoas. Algúns dos termos máis complexos da obra son explicados ao final a xeito de sinxelo dicionario para permitir unha maior comprensión. Os seguintes números estarán dedicados a Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ánxel Fole e Manuel María.









Arquivos