Os Bolechas volven de xira este Nadal

Os Bolechas presentaron esta mañá a súa Xira de Nadal 2015 que os levará por varias vilas de Galicia durante estas festas. Patrocinada pola TVG e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Caravana Bolechas levará un ano máis diversión e agasallos para toda a familia.


14 de decembro de 2015



A falta de concretar algunha data máis, a Xira de Nadal 2015 comezará o día 26 de decembro en Viveiro e rematará o 4 de xaneiro en Allariz. No medio visitará Narón (27 de decembro), As Pontes (29 de decembro), Foz (2 de xaneiro) e Verín (3 de xaneiro). En todas as vilas estará en horario de mañá e tarde, de 12:30 a 14:30 h e de 16:30 a 20:30 h, agás en Verín, onde só estará pola tarde.

A Xira de Nadal dos Bolechas levará, como é habitual, o seu R4, un toldo onde se poderán adquirir todos os produtos dos Bolechas e o espetacular autobús de dúas plantas, onde os pequenos seguidores desta familia poderán gozar de multitude de actividades, desde ludoteca con todo tipo de xogos para divertirse e aprender ao máis puro estilo “Bolechas”, ata a sala de cine dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas. Ademais realizaranse talleres de debuxo e diversas iniciativas relacionadas coas artes plásticas. Todas as actividades serán abertas ao público, libres e totalmente gratuítas. 

Visita dos Bolechas e sorteos

Por suposto, non faltarán os Bolechas corpóreos, os enormes bonecos que causan sensación por onde van, que estarán en todas as vilas pola tarde para saudar os seus milleiros de fans outro Nadal máis, como ben explicou hoxe Tomás Valín, de Edicións Bolanda, e corroborou Braulio Bolechas, presente no acto de presentación que tivo lugar no Museo Pedagóxico de Galicia. 

Con eles estivo o secretario xeral de Política Língüística, Valentín García, que explicou que a Xira de Nadal se enmarca “nas actividades de difusión do galego entre os máis novos” e por iso se elixiron vilas onde “Os Bolechas non estiveron recentemente con algunha outra actividade”, de xeito que todas as nenas e nenos galegos poidan gozar, dunha forma ou outra, da popular familia que “tanto ten feito pola implantación do galego nas idades temperás”.

García explicou tamén que volverá a haber sorteo de agasallos en todas as vilas que se celebrarán, por motivos loxísticos, ao rematar a xira. Farase un sorteo por localidade de dous premios "consistentes nun curso de inglés mais un lote de libros dos Bolechas, entre todas as nenas e nenos que acudiran á Caravana”. E, ademais, haberá un “gran premio final entre todos os participantes na Xira de Nadal”.

Tenda cos novos libros e peluches

Ademais dos talleres e as actividades do autobús, a Caravana dos Bolechas levará un Corner Club de Socios e unha tenda, de xeito que ninguén quede este Nadal sen o seu libro ou produto favorito dos Bolechas. Como novidade, este ano a tenda levará a nova colección de libros dos Bolechas que inclúe un peluche de agasallo de cada un dos personaxes. 









Arquivos