Escolares de Burela recibiron o libro "Os Bolechas comen peixe de Burela"
Esta mañá as nenas e nenos dos centros de educación de infantil e primaria Virxe do Carme e Vista Alegre foron agasallados por Armadores de Burela (ABSA) co libro Os Bolechas comen peixe de Burela. Foi durante unha visita á lonxa da conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Durante a visita á lonxa, organizada por Armadores de Burela (ABSA), a conselleira do Mar destacou a importancia de iniciativas coma esta para achegar ao público infantil “o mundo do peixe e do mar a través da explicación do funcionamento das lonxas, un dos principais eixos de actividade neste eido”. Neste sentido, sinalou que a lonxa de Burela “é un dos mellores exemplos” e engadiu que o ano pasado esta rula foi unha das máis importantes polo valor económico das súas descargas.
Na lonxa estaban as nenas e nenos dos centros de educación de infantil e primaria Virxe do Carme e Vista Alegre, que foron agasallados por ABSA co libro Os Bolechas comen peixe de Burela. Este tipo de accións, explicou Rosa Quintana, “axudan a transmitir aos nenos e nenas a importancia da presenza do peixe na súa dieta e tamén coñecementos sobre as distintas especies”.
A conselleira estivo acompañada durante a visita a Burela pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.