Os Bolechas na Coruña con motivo das Letras Galegas
Este domingo, 13 de maio, Os Bolechas farán unha visita moi especial á cidade da Coruña, onde presentarán o seu novo espectáculo nos Xardíns de Méndez Núñez. A comitiva sairá ás 17.00 h da zona do Obelisco tras percorrer as rúas dos Cantóns nun pasacalles no que todos os coruñeses poderán achegarse aos seus personaxes favoritos.
O mércores, 9 de maio, tivo lugar a presentación desta actividade promovida pola Xunta de Galicia e pola Deputación da Coruña, en colaboración co Concello da Coruña. No acto estivo o creador da familia animada, Pepe Carreiro, e un dos personaxes máis coñecidos dos Bolechas, o fedello Braulio.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García destacou o feito de que as novas xeracións de nenas e nenos “identifican directamente á familia Bolechas co galego”, e recordou tamén o carácter didáctico das aventuras e historias que narran os libros dos Bolechas.
A presenza de tan notables convidados na cidade herculina fará vibrar os máis cativos da casa xunto coas súas familias con palabras agarimosas, música, xogos, maxia, sorpresas... e o sorteo de centos de libros coas divertidas historias de Tatá, Chispa, Carlos, Braulio, Sonia, Pili, Loli e os demais membros da familia Bolechas.