O Centro de Transfusión de Galicia presenta unha guía dos Bolechas no Día Mundial do Doador de Sangue
A directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos presentará a guía Papá Bolechas doa sangue no colexio Quiroga Palacios de Santiago, mañá, martes, Día Mundial do Doador de Sangue.
Con motivo do Día Mundial do Doador de Sangue, institucionalizado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) cada 14 de xuño, a Axencia de Sangue, Órganos e Tecidos, que coordina a doazón de sangue e órganos en Galicia, vai presentar unha guía destinada a explicar aos máis novos a importancia da doazón de sangue.
Aínda que a doazón de sangue só é posible a partires dos 18 anos, é fundamental concienciar desde a infancia da importancia deste acto solidario que salva vidas e que tamén sexa compartido polos rapaces cos seus pais en nais na casa. Por iso, desde o Centro de Transfusión de Galicia, integrado na nova Axencia, botaron man duns personaxes con gran implantación na infancia, capaces de facer chegar a mensaxe ás nenas e nenos galegos de forma divertida pero tamén didáctica, de xeito que entendan a importancia que ten un acto tan fácil como doar sangue.
De aí xurdiu o conto Papá Bolechas doa sangue que mañá será presentado no colexio Quiroga Palacios de Santiago pola directora da nova Axencia, Marisa López García. Durante o acto, que empezará ás 10:00 horas e contará coa presenza de varios Bolechas, os escolares poderán escoitar o conto grazas á colaboración do actor Emilio Guillín e recibirán cadanseu exemplar.