O programa da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo incluirá máis de 200 actividades formativas nas que participarán máis de 7.000 alumnos e alumnas de infantil e primaria de toda a provincia.
08 de maio de 2025
O deputado Daniel García achegou estes datos sobre a cuarta convocatoria do programa nun encontro que mantivo con representantes das 45 granxas e proxectos de emprendemento no rural que participan nesta edición do programa, o proxecto de maior investimento (200.000 euros) e proxección que está a desenvolver a área de Rural.
O acto, que contou tamén coa presenza de asociacións gandeiras que veñen colaborando activamente co programa (Asoporcel, Boaga, Ovica ou Avimós) e coa presidenta da Fapacel Isabel Calvete, serviu para coordinar as actividades a desenvolver durante os vindeiros meses, que teñen como obxectivo común transmitir ás xeracións máis novas a importancia do rural para a produción de alimentos e á conservación do territorio.
Na súa intervención, o deputado agradeceu a colaboración e implicación de todas as granxas que participan no programa, que definiu como “unha aposta polo futuro, polas xeracións de nenos e nenas” que, explicou, teñen a oportunidade de achegarse “ao rural real” a través dunha rede de granxas que “sodes referentes de emprendemento, traballo e compromiso con este país”.
“Pensamos que é moi importante reunirnos para seguir afianzando os vínculos que se foron xerando entre vós coa posta en marcha deste proxecto e tamén para dar a benvida ás granxas que se incorporan ao programa”, explicou en referencia ás trece granxas que se estrean este ano en “Da Escola á Granxa”.
Éxito da iniciativa
A boa resposta das anpas á convocatoria deste ano (con solicitudes en listaxe de agarda, malia que se duplicou o orzamento do programa) referenda o éxito desta iniciativa, pioneira no momento da súa posta en marcha en 2022 e referente para outras institucións públicas e empresas privadas.
O programa aumentou de forma progresiva a súa cobertura ao longo das catro edicións: das 25 granxas participantes e 70 actividades desenvoltas en 2002 ata as 45 granxas e 202 actividades de 2025. Unha traxectoria que, ao remate deste ano, terá implicado uns 18.000 escolares de toda a provincia.
Ao tempo, deuse tamén un fortalecemento cualitativo da iniciativa, que creou arredor de si unha rede de granxas e proxectos de emprendemento rural distribuídos por todo o territorio da provincia que exemplifican a potencialidade dun sector que aposta pola produción de calidade, maiormente ecolóxica, con diversificación produtiva, proxectos familiares sostibles e comprometidos co territorio e co futuro do país fronte a outros modelos depredadores.