Os Bolechas presentan en Ribadumia o seu novo libro
Os Bolechas e o seu creador, Pepe Carreiro, estiveron de visita hoxe martes en Ribadumia. O CPI Julia Becerra Malvar foi o escenario escollido para a presentación do novo libro dos Bolechas: A ruta da Pedra e da Auga.
Os Bolechas chegaron acompañados polo seu inseparable coche oficial, que fixo soar a súa banda sonora polas rúas da vila.
Á presentación asistiu tamén a alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, e o deputado provincial José Luis Pérez Estévez, que mostrou o seu apoio a esta nova publicación que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
O “Universo Bolechas” encheu as instalacións do colexio de diversión. Os máis cativos puideron facerse fotos cos seus personaxes favoritos e divertirse cos xogos e o taller impartido por Pepe Carreiro.
Carlos, Pili, Lolia, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa gozaron dunha mañá rodeados de nenos e nenas que agardaban impacientes a súa visita.
A ruta da pedra e da auga
Este libro é o primeiro dunha nova colección de guías. Os Bolechas fan o percorrido da ruta da Pedra e da Auga visitando muíños e cruzando fermosas pontes. Usarán o lavadoiro, merendarán nun castro e mesmo atoparán a unha amiga que está de vacacións en Ribadumia.