Os Bolechas presentan a súa nova aventura: "O reloxo de Carlos"

O libro preséntase nun novo formato de maior tamaño, e inclúe de agasallo un atractivo reloxo e un Xogo das horas.




Os Bolechas veñen de publicar un novo título que fará as delicias dos máis pequenos. Tras doce anos de existencia e o seu exitoso salto á televisión, a familia Bolechas e o seu inseparable cadelo Chispa, volven vivir unha nova e divertida aventura sobre o papel. 

Nesta ocasión a historia xira arredor dun reloxo que lle regalan a Carlos no supermercado. Pero non é un reloxo calquera; este é somerxíbel! Tanto, que mesmo se pode meter na xerra da laranxada. O problema é que Tatá tamén quere un, aínda que é un bebé e os bebés non levan reloxo. Pero el cólleo e vai probar no váter se é verdadeiramente somerxíbel. A partir de aquí a trama complícase e os seis irmáns terán que usar todo o seu enxeño.

Con esta nova historia Os Bolechas volven presentarnos unha situación da vida cotiá pero fanno nun novo formato, un libro de maior tamaño e tapas duras moito máis vistoso para os pequenos, os auténticos seguidores dos Bolechas.

O primeiro reloxo

Ademais, co libro regálase un atractivo reloxo, de xeito que os nenos e nenas se vaian familiarizando con el e aprendan as horas. E para completar o paquete, o cartón que serve de soporte ao pack inclúe un divertido Xogo das horas co que, ademais de gozar xogando, os nenos poderán demostrar a súa destreza manual recortando e montando as fichas e o dado. 

Deste xeito ofrécese un produto moi completo, no que se conxuga o valor educativo coa diversión que sempre tentan ofrecer as historias dos Bolechas. 









Arquivos