Os Bolechas visitan Marcelle Natureza

Os Bolechas foron visitar Marcelle Natureza, un fantástico parque zoolóxico situado a carón do río Miño, na provincia de Lugo, onde aprenderon unha morea de cousas sobre os animais que contan no seu novo libro.


01 de abril de 2015



Os Bolechas visitan Marcelle Natureza é o título do novo conto que relata o paso dos irmáns Bolechas por este parque zoolóxico situado en Outeiro de Rei. Alí espéraos Manolo, un amigo que pasa os veráns no parque e sabe darlles de comer aos animais, polo que lles ensinará aos Bolechas como facelo. Mais as crías queren o biberón de Tatá, porque elas tamén se alimentan de leite, e o bebé non está polo labor…

A historia dos Bolechas en Marcelle Natureza complétase con actividades plásticas e xogos para comprobar o aprendido, así como un plano do parque no que poder situarnos e ver todos os servizos que ofrece e a gran diversidade de animais que hai neste fermosísimo recuncho da provincia de Lugo.   

O obxectivo de Marcelle Natureza é educar para protexer a fauna silvestre e conservar a natureza. Os animais, que proceden doutros zoos, centros de recuperación ou centros de rescate –nunca de capturas de animais en liberdade–, viven alí nas condicións adecuadas para satisfacer as súas necesidades físicas e psicolóxicas. Ademais, realizan investigación para contribuír á conservación das especies e desenvolven programas educativos dirixidos a concienciar e sensibilizar os visitantes motivándoos a coidar e conservar a biodiversidade.

E a partir de agora, se visitades o parque, podedes adquirir alí o novo libro dos Bolechas para coñecer un pouco máis Marcelle e os animais que podedes atopar neste fantástico lugar.









Arquivos