A cumbia chega ao disco dos Bolechas grazas a O Sonoro Maxín, banda formada en Ourense no ano 2007 a partir de grupos de renome como Lamatumbá, Mutenrohi e Cinnamon Gum.
Cunha longa experiencia musical ás súas costas, O Sonoro Maxín compartiu escenario con grandes nomes internacionais como Manu Chao & Radio Bemba Sound System, Syrano, Los Delinqüentes ou Che Sudaka en xiras que os levaron por toda España, Portugal e Alemaña. En 2011 sacaban o seu primeiro disco A onda sonora (chega do interior) cunha mistura de estilos onde xa había “cumbia galega” como a que aportaron a Os Bolechas fan unha banda.
Como xurdiu a Cumbiatola?
O tema xurde nunha das ceas antes dun concerto; Cris levaba o acordeón, Jaime comezou cantaruxar a melodía, xa chegaba a hora do concerto... Foi unha composición totalmente improvisada que naceu un tanto acelerada.
É a primeira vez que facedes algo para público infantil?
Tivemos a sorte, xa fai uns anos, de colaborar con Pirritx e Porrotx cunha versión en galego do seu tema Maite zaitut. Nós cantamos Quérote máis. Logo, ese mesmo tema saíu no noso disco A onda sonora. Leva percorrido moito polas escolas, asociacións... tanto que é a propia rapazada quen o reclama nos concertos.
Que vos pareceu o resultado final do disco, coa mestura de grupos e estilos?
É un disco moi variado en canto a formacións, estilos e demais. Non é nada previsible o que atopas dentro... Quizais o noso tema sexa do máis formal que hai nel.
Que estades a facer agora?
Pois andamos preparando as máquinas para comezar o verán: a verbena galega, concertos na rúa, festivais... Pensamos sentar no outono para gravar algunha cousiña máis que ofrecer ao público. Seguimos inventando e transformando a cumbia galega.