Esta mañá presentamos na cidade de Pontevedra a exposición “Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego” que percorrerá toda a provincia explicando, da forma máis divertida, as variedades dialectais da nosa lingua. Unha iniciativa da Deputación de Pontevedra no marco da programación do Ano da Lingua.
A mostra inaugurada esta mañá polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal e o editor Antonio Couto, estará na praza de Montero Ríos ata o vindeiro 29 de maio. Despois viaxará por todas as comarcas da provincia cunha mensaxe pedagóxica e de contacto coa nosa lingua da man dos Bolechas, “referente galego falante de varias xeracións de galegos”, como recordou Antonio Couto na presentación, pero tamén “transmisores de valores como a amizade, o coidado do medio ambiente, a vida sa, a solidariedade ou a integración”.
Temas todos que teñen cabida nesta mostra sobre a riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás. Así o destacou Xosé Leal ao recordar que “son os nosos pais, nais, avós e avoas as que preservaron realmente o idioma e as que conseguiron que se manteña vivo ata hoxe en día con todas as súas especificidades”.
O deputado de Cultura e Lingua animou a cativada da provincia a achegarse a esta mostra e familiarizarse co galego que se fala nas diferentes partes do país, mentres que o alcalde de Pontevedra recordou a sentenza de Castelao de que “para idioma universal xa está o que falan os animais, as persoas temos a lingua que nos é propia, que é a nosa bagaxe cultural característica do lugar no que vivimos”. Miguel Anxo Fernández Lores advertiu da necesidade de “defender a nosa lingua, e unha forma de defendela é xogando e falándoa con total normalidade”.
A exposición
Centrada na lingua, a mostra propón un percorrido participativo pola riqueza do idioma galego ao longo e ancho do país, con actividades e xogos que introducen a rapazada no universo Bolechas. Ademais de participativa e didáctica, tamén é inclusiva e multisensorial atendendo ás necesidades de todo tipo de persoas, incluso as que teñan algún tipo de dificultade ou discapacidade. Dividida en varias áreas con diferentes enfoques, actividades e propostas, o obxectivo común é fomentar a aprendizaxe e uso do idioma a través do xogo e a experimentación.
Horario e visitas
A carpa estará aberta ao público en horario de 10:00 a 13:30 h e de 16:00 a 20:00 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 horas. Ademais de aberta ás familias e a todos os interesados, os centros educativos que desexen concertar visitas específicas poden facelo dirixíndose ao enderezo electrónico osbolechas@osbolechas.com ou no teléfono 981 569 155.
Lugares e datas
Pontevedra: 18 maio-29 maio. Avenida Montero Ríos
Lalín: 1 xuño-11 xuño. Praza do ConcelloO
Vilagarcía de Arousa: 15 xuño-26 xuño. Praza do Auditorio
Moaña: 10 setembro-20 setembro. Alameda
A Estrada: 24 setembro-4 outubro
A Cañiza: 8 outubro-18 outubro. Praza Maior
Caldas de Reis: 22 outubro-1 novembro. Praza do Camiño