"Os Bolechas fan cousas de madeira" achega o valor engadido da madeira
O CEIP Mestre Rodríguez Xixerei de Santiago de Compostela acolleu a presentación do novo libro destinado a difundir o valor engadido da madeira e os diferentes usos deste material natural, autóctono e reciclable que está no noso día a día.
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, asistiu no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago a unha sesión de contacontos baseada no libro Os Bolechas fan cousas de madeira, publicado coa participación do Clúster da Madeira de Galicia e diferentes asociacións do sector e que se está a distribuír en diferentes centros educativos.
A elección do colexio compostelán veu dada pola súa implicación no uso da madeira como elemento decorativo e que ofrece calidez nas aulas, substituíndo de xeito progresivo plástico por elementos naturais de madeira.
O alumnado do centro puido asistir a unha representación protagonizada por dous carpinteiros que viaxan por todo o mundo: Serrucho e Martelo, e que se van atopando cos Bolechas que interactúan coas nenas e nenos en diferentes xogos con madeira. Ao finalizar entregáronse exemplares do conto Os Bolechas fan cousas de madeira, que tamén está xa dispoñible na biblioteca do colexio.
O apoio da Xunta a este proxecto enmárcase na Estratexia de formación da industrial forestal de Galicia, que ten entre os seus principais eixos a sensibilización e divulgación, visibilizando a importancia da madeira tanto no tecido empresarial como na sociedade galega.