Os Bolechas estarán coa CRTVG no Culturgal 2012

Os Bolechas estarán presentes no Culturgal 2012, a Feira das Industrias Culturais que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra desde o 30 de novembro ata o 2 de decembro. 




Os Bolechas estarán na Feira das Industrias Culturais que se celebra en Pontevedra este primeiro fin de semana de decembro co lema “A casa da cultura galega é a túa casa. Ti tes a chave”. Actuacións musicais e teatrais, espectáculos de danza e obradoiros artísticos encherán o Pazo da Cultura, onde os máis pequenos poderán tamén gozar de múltiples actividades e da presenza dos seus personaxes preferidos, Os Bolechas, que participan dentro do stand da CRTVG.

A canle pública galega ten previsto presentar neste escaparate as súas principais apostas para os próximos meses, coas que pretende apoiar a lingua e cultura propias especialmente entre os máis novos, de aí o forte pulo que a canle pública galega lle está a dar á programación infantil e xuvenil en galego.

Neste senso, a TVG avanzaralles aos rapaces en Culturgal as novas series de animación galegas que acompañarán o Xabarín Club cada xornada, entre as que cómpre salientar as adaptacións audiovisuais de Os Bolechas e Os Axóuxeres.

Os nenos e nenas poderán ver en persoa os personaxes máis queridos, como o propio Xabarín, Doraemon e algúns membros da familia dos Bolechas. Todo isto será este sábado, 1 de decembro, ás 12.00 h no espazo denominado “Garaxe”, onde a TVG presentará a súa programación infantil.

Do 30 de novembro ao 2 de decembro

O Culturgal inclúe un amplo programa de actividades para todos os públicos e con acceso gratuíto na súa maior parte. Entre os espazos nos que se reparte a actividade está o Cuarto dos nenos, o Salón, a Saliña, o Garaxe, o Patio, a Tenda, a Cociña, o Estudio ou os Obradoiros, estes tres últimos pechados á parte profesional que se dá cita no encontro. As actividades que se desenvolvan no Salón desta feira serán difundidas por streaming na web www.culturgal.com.









Arquivos