Imos á Academia Galega de Seguridade Pública!

O luns, 15 de xuño, presentamos na Estrada a nova guía Os Bolechas van á Academia Galega de Seguridade Pública, no que se explica todo o que se fai nesta grande escola de policías, garda civís, bombeiros etc. 


12 de xuño de 2015



As instalacións da Academia Galeda de Seguridade Pública situadas no concello da Estrada acollerán o luns, 15 de xuño, a presentación do novo título dos Bolechas no que se explica que se fai e como funciona este centro.

Centenares de nenas e nenos do concello estradense acudirán á presentación, na que estará tamén o vicepresidente da Xunta de Galicia e, por suposto, os seis irmáns Bolechas acompañados de Chispa e do seu autobús de dous pisos. 

Os escolares poderán coñecer de preto os Bolechas pero tamén a Academia Galega de Seguridade, e recibirán o libro no que se explica todo o que se fai nesta gran escola de policías, garda civís, bombeiros e outro persoal que se encarga de protexernos, como son o de Emerxencias ou Protección Civil.

Os Bolechas van á Academia Galega de Seguridade Pública é o título do novo conto da colección “Guías Bolechas”, no que se narra unha visita da escola dos Bolechas ao centro. Ao tempo que Os Bolechas e as súas compañeiras e compañeiros percorren as instalacións e coñecen o funcionamento da Academia e das distintas seccións, os lectores do libro irán descubrindo o que se fai neste importante centro de aprendizaxe e as funcións que corresponden a cada membro de emerxencias e das forzas de seguridade no seu labor diario.

Unha boa forma de achegar aos máis novos o traballo destes profesionais que desenvolven un labor esencial na nosa sociedade. 









Arquivos