Este sábado, actividades e premios cos Bolechas na Coruña

Este sábado, 6 de maio, Os Bolechas estarán no parque coruñés de Santa Margarita na celebración do XXII Día da Ciencia na Rúa. Os seis irmáns, xunto co inseparable Chispa, participarán nas actividades programas pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS).  


02 de maio de 2017



Este sábado, a partir das 12:00 h, Os Bolechas estarán na jaima “A doazón de sangue” que instalará a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos no parque de Santa Margarita, na Coruña. (ADOS). Os irmáns Bolechas compartirán xogos e actividades coa cativada que se achegue ata o stand, no que se realizarán diversas accións, como un concurso de debuxo sobre a doazón de sangue para nenas e nenos de 7 a 9 anos e de 10 a 12. Ademais de repartirse tres premios por categoría, todos os participantes recibirán de regalo o conto Papá Bolechas doa sangue.

Outra das propostas da Axencia é un taller sobre doazón de sangue destinado a cativos de ata 6 anos. E para todos os asistentes porase en marcha un obradoiro de fabricación de chapas solidarias.

O Centro de Transfusión de Galicia subministra sangue as 24 horas do día a todos os hospitais de Galicia para desenvolver a actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias. Cada día 10 unidades móbiles percorren os concellos galegos para atender as persoas que desexan doar. Os hospitais precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día para que moitas persoas recuperen a saúde, de aí a importancia de concienciar a toda a sociedade da necesidade de realizar este acto altruísta.









Arquivos