Máis de 35.000 estudantes debuxan xa o seu cole

Máis de 35.000 estudantes están inscritos no concurso “Debuxa o teu cole” a catro días de que remate o prazo de participación, unha cifra que superou todas as expectativas dos organizadores, a editorial Bolanda e Novagalicia Banco.


27 de novembro de 2013



O concurso dos Bolechas estase a converter nunha das actividades deste tipo con máis participación na historia da nosa comunidade autónoma, especialmente nun prazo tan reducido de tempo –só 12 días hábiles–, con máis de 2.000 clases de infantil e primaria inscritas na modalidade “Desde o cole”.

Ademais, case 2.500 nenos e nenas participaron de xeito individual na modalidade “Desde a casa”, na que poden gañar un dos 60 premios económicos e 60 Bibliotecas Básicas Os Bolechas que se sortearán durante o mes de decembro.

Os colexios que se inscribiron recibirán, polo simple feito de participaren, un lote de cadernos de actividades dos Bolechas. Pero, ademais, entrarán no sorteo dun gran premio de 3.000 euros.

Os nenos que participaron co colexio poden participar na categoría individual co mesmo debuxo. Só teñen que entrar no apartado “Desde a casa” e meter o código que recibiron na folla informativa que lle deron no colexio xunto coa plantilla para facer o debuxo.

O concurso está dirixido a alumnos de infantil e primaria de toda Galicia, que teñen de prazo para inscribirse na web www.novagaliciabanco.es/osbolechas ata este sábado, 30 de novembro, ás 23.59 horas. No caso de inscribirse desde a casa, o artista deberá ter enviado o seu debuxo antes desa mesma hora polas canles previstas, correo electrónico ou postal –neste caso só se admitirán os sobres selados ata esa data–. Toda a información así como as bases do concurso poden consultarse na citada web.









Arquivos