Comezamos unha campaña para fomentar a reciclaxe de aparellos electrónicos e eléctricos

Nos próximos días poremos en marcha a Real Orde do Movemento RAEE dos Bolechas, unha comunidade na que se valora o esforzo individual e colectivo por cumprir prácticas adecuadas no tratamento dos RAEE e que quere converter a cativada galega na maior defensora do planeta.


18 de setembro de 2018



A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio presentou esta mañá unha nova campaña para sensibilizar á comunidade infantil na necesidade de reciclar os aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). A iniciativa está enmarcada na campaña ‘Oqueseenchufarecíclase’ que trata de concienciar a sociedade galega na necesidade de mellorar as prácticas de reciclaxe e tratamento deste tipo de residuos.

Segundo a conselleira Beatriz Mato, “reducir, reciclar, reutilizar, reparar, repensar... son verbos que deben ser conxugados pola sociedade galega”, polo que unha axeitada formación desde as idades temperás axuda a interiorizar a mensaxe e a aplicala dun xeito máis sistemático. Con esta filosofía, púxose en marcha este proxecto educativo, divulgativo-formativo, de sensibilización e de interacción constante, que percorrerá 350 centros de ensino de educación infantil e primaria de Galicia.

Real Orde do Movemento RAEE dos Bolechas

Para que as novas xeracións teñan coñecemento da importancia da reciclaxe dos residuos, e concretamente dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, botarase man dos Bolechas, que de forma amena e didáctica trasladarán pautas e coñecementos para o correcto tratamentos dos residuos.

Mato explicou que se trata de que nenas e nenos se convertan, a través do xogo e de material específico desta campaña adaptado á súa idade, nos maiores defensores do planeta, é dicir, que formen parte da Real Orde do Movemento RAEE dos Bolechas, unha comunidade á que pertencer supón cumprir un decálogo con comportamentos e actitudes colectivas e individuais que deben poñerse en práctica no fogar e centro de ensino.

Un concurso onde o esforzo ten premio

A iniciativa estará aberta á totalidade da comunidade educativa, non só aos centros que recibirán a visita dos Bolechas, polo que a través dunha plataforma web convocarase un concurso de debuxo aberto á totalidade de centros educativos de Galicia.

No concurso poden participar de xeito colectivo ou individual e entregarase un gran premio de 3.000 euros para as actividades educativas do centro gañador, que se seleccionará entre todos os colexios participantes. Mais a campaña valorará tamén o esforzo dos participantes, que polo simple feito de presentar un traballo recibirán como agasallo material de actividades dos Bolechas.

Con esta iniciativa a Consellería quere contribuír a un mellor tratamento dos RAEE mediante a creación dunha comunidade de mozas e mozos que se involucran en proxectos ambientais; incrementar a recuperación de aparellos eléctricos e electrónicos e fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo e como estas inciden na contorna, no planeta e mesmo na propia saúde.









Arquivos