Chega a noite máis especial do ano para a cativada e os Bolechas prepáranse para gozar desta data e despedir este marabilloso Nadal por todo o alto. Ademais das últimas citas do Nadal en Familia, o día 5 acompañarán ás Súas Maxestades na cabalgata de Vigo e 6… dobre cita na TVG!
O Rosal, Padrón e Barreiros son as tres últimas datas da xira Nadal en Familia que estamos realizando polas vilas da Rede de Dinamización Lingüística nestas festas. Este martes, 3 de xaneiro, estaremos na sala multiúsos do Rosal; o mércores 4 no pavillón do Souto, de Padrón e o día 7 remataremos no pavillón municipal de San Cosme de Barreiros.
Ademais este ano puxemos en marcha unha web de Nadal con vídeos, xogos e actividades para que poidades gozar e aprender cos Bolechas nestes días de vacacións, que van chegando ao seu fin.
Mais aínda queda unha das celebracións máis esperadas: Reis. E temos preparadas moitas sorpresas para este final de festa. A tarde do xoves 5 acompañaremos ás Súas Maxestades na cabalgata de Vigo no autobús da TVG.
E o día de Reis, o venres 6, sobre as 10:30 horas poderedes ver de novo o concerto con Monoulious DOP na TVG e pola noite, estaremos no Luar especial de Reis que preparou a canle pública autonómica.