Os Bolechas presentan en Compostela as súas novas aventuras que empezan o luns na TVG

Os seis irmáns e a súa mascota, Chispa, creados por Pepe Carreiro, cobrarán vida na Televisión de Galicia a partir deste luns 24 de setembro no Xabarín Club de luns a xoves e os sábados

O conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez; a directora xerente da TVG, Rosa Vilas, e o director xeral de Novagalicia Banco, Juan Díaz, acompañaron a máis de 250 nenos e nenas na presentación oficial 




Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2012.- A partir do próximo luns, 24 de setembro, a Televisión de Galicia emitirá as aventuras dos Bolechas. Será de luns a xoves nas faixas do almorzo e da merenda e os sábados pola mañá no programa Xabarín Club, tal como anunciou esta mañá a directora xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, na presentación oficial das novas aventuras da popular familia. A responsable da canle pública galega destacou a “importante aposta” da TVG para ofrecer “programación infantil en galego” e salvagardar a lingua propia “para xeracións futuras”. 

O acto, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, contou tamén coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o autor da serie, Pepe Carreiro, e o director xeral de Novagalicia Banco, Juan Díaz, quen defendeu a “galeguidade” e o “total compromiso con Galicia” da entidade como un dos seus “rasgos distintivos”, de aí o apoio de Novagalicia Banco a esta iniciativa.

Pola súa banda o creador dos Bolechas, Pepe Carreiro, explicoulles aos máis de 250 escolares que asistiron á presentación algunhas das novidades das historias que se poderán ver a partir do luns e desexoulles que as gocen tanto como os contos.

O mesmo desexo expresou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, quen cualificou a nova iniciativa audiovisual coma “un paso máis na aposta da Consellería pola TVG como referente de ocio para os máis cativos” así como pola “socialización en galego dos nenos e nenas” nunha sociedade na que os pequenos aprenden as primeiras palabras da man da familia pero tamén “das escolas infantís e dos medios de comunicación”. Asegurou que Os Bolechas son un “referente galegofalante” para a meirande parte dos nenos e nenas que os coñecen a través dos libros e que contribuíron a que os pequenos se animasen a ler en galego.

Unha gran festa de presentación 

Para celebrar o paso dos libros á televisión, Os Bolechas organizaron unha gran festa no Centro Galego de Arte Contemporánea de Compostela na que non faltaron os seis irmáns xunto co seu cadelo Chispa –un dos máis aplaudidos polos pequenos– e por Ángela Blanco Lesta, “Xela”, que acompañará á familia na súa andaina televisiva. Tamén participaron varios artistas de Pista Catro e Xarume que realizaron un espectáculo de maxia, música e malabares xunto cos Bolechas, de gran éxito entre o público asistente.

Os nenos e nenas gozaron do espectáculo e acompañaron aos protagonistas nos bailes e cancións. Ademais levaron diversos agasallos así como unha subscrición para facerse membros do Club dos Bolechas, onde poden atopar xogos, novas, libros interactivos, actividades, visitar unha granxa de animais domésticos, cantar e outras atractivas seccións. Ademais da páxina web (www.osbolechas.gal), Os Bolechas contan tamén con perfil nas principais redes sociais; en Facebook (www.facebook.com/osbolechas) e Twitter (@OsBolechas). 









Arquivos