Abrimos a carpa das variedades dialectais en Caldas de Reis

Case 40 nenas e nenos do CEIP de San Clemente de César participaron esta mañá en Caldas de Reis na inauguración da mostra “Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego”. A expo dos Bolechas permanecerá instalada na Praza do Camiño ata o 2 de novembro.


23 de outubro de 2018



Xa está na comarca de Caldas a exposición coa que a Deputación de Pontevedra quere dar a coñecer a riqueza do idioma galego no marco do Ano da Lingua. Esta mañá abriu oficialmente as súas portas na Praza do Camiño de Caldas de Reis a carpa dos Bolechas. Non faltaron ao acto, como é habitual, todos os irmáns Bolechas, que puideron saudar a un grupo de 37 alumnos e alumnas do CEIP de San Clemente de César. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o tenente de alcalde, Manuel González, e Tomás Valín da Editorial Bolanda.

O responsable da editora explicoulles aos presente que a mostra está concibida como un “itinerario interactivo” que permita coñecer as diversas falas da xeografía galega a través de xogos e actividades moi divertidas. Trátase, como é habitual en todas as propostas dos Bolechas, de “aprender xogando”.

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, aseguroulles que van aprender moito pero tamén a pasalo ben vendo “como falades vós e como falan os rapaces e rapazas doutras zonas”, ademais de coñecer a fala “das vosas nais, pais, avoas e os vosos avós que procedan doutros lugares”. E animounos a volver coa familia, “fóra do horario escolar” para mostrarlles a riqueza do galego.

E o tenente de alcalde, Manuel González aproveitou para agradecerlle á Deputación “que os Bolechas estean hoxe aquí e que esta carpa permaneza no noso Concello durante case dúas semanas”.

A mostra permanecerá aberta de luns a venres de 10 a 13:30 h (para visitas escolares) e de 16 a 20 h; e os sábados, domingos e festivos o horario de apertura é 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.









Arquivos