Os Bolechas inician nova etapa

Máis de 12 anos despois da súa creación, e convertidos nun auténtico fenómeno cultural, Os Bolechas continúan a reinventarse para ofrecerlles aos máis pequenos novas aventuras cheas de diversión. A peculiar familia dos Bolechas nacía no ano 2000 da man do creador galego Pepe Carreiro, que daba vida a seis irmáns, Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e Tatá que, xunto ao seu can, Chispa, se converteron en protagonistas das máis fantásticas aventuras.




Desde o principio as aventuras dos Bolechas foron moi ben acollidas polos máis novos, que se converteron en auténticos seguidores desta serie mesmo antes de saberen ler, grazas ás lecturas dos seus pais. De aí xurdiu unha xeración de nenos que seguiron os Bolechas nas súas diversas coleccións, adaptadas a todos os gustos e idades.

Durante estes anos Pepe Carreiro foi desenvolvendo sensacionais historias para os máis pequenos, sendo responsable de lograr situar no complexo mundo editorial unha saga galega –e en galego– que nada ten que envexar aos grandes éxitos internacionais.

Agora, con máis de 12 anos de experiencia, o seu creador segue traballando en novas aventuras dos Bolechas que moi pronto poderán ser compartidas polos seus milleiros de fieis seguidores.









Arquivos