O proxecto 'Dinamiza Poio' conta cos Bolechas para achegar o concello á infancia

O Concello de Poio presentou onte a guía didáctica Os Bolechas visitan Poio, un proxecto cultural de dinamización que permitirá ás persoas interesadas –cativada, familias etc.– facer un percorrido teatralizado pola casa museo de Colón e o bosque das sequoias.


25 de outubro de 2017



As saídas comezaron onte coa primeira das visitas dun grupo de escolares do CEIP Lourido ao bosque de sequoias situado no camiño de subida á Escusa. Este mes fará saídas o alumnado de infantil e primaria dos centros educativos públicos do municipio e novembro haberá excursións as fins de semana abertas (previa reserva) aos colectivos e ao público en xeral do municipio.

O proxecto, enmarcado no 'Dinamiza Poio', quere dar a coñecer o patrimonio do municipio a través da lingua galega a través de diversas propostas, unha delas a guía Os Bolechas visitan Poio, onde se conta de forma divertida e adaptada á cativada as características deste municipio no que, ademais do bosque e a casa de Colón, aparecen o parque arqueolóxico da Caeira, o Castro do Pereiro, a Biblioteca Churruchaos (no Palacete González Besada), o mosteiro de Poio e a lenda de Tramunda, as salinas de Portosanto, ou a ruta do muíños de Samieira.

Na presentación da guía estiveron onte o alcalde de Poio Luciano Sobral, o deputado provincial de Cultura e Lingua Xosé Leal, a concelleira de Cultura e Festexos Lidia Salgueiro e o presidente da Comunidade de Montes de San Xoán Xosé Couselo. 









Arquivos