Os Bolechas presentan un concurso de debuxo sobre reciclaxe de RAEE

Durante o mes de maio abriremos un certame de debuxo para escolares de infantil e primaria no marco da campaña de sensibilización sobre reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) que leva a cabo a Consellería de Medio Ambiente. 


08 de abril de 2019



A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca un concurso de debuxo infantil dirixido a escolares de centros de infantil e primaria de toda Galicia para incidir na importancia de realizar unha correcta reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) tanto para garantir a saúde do planeta como pola nosa propia saúde.

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, presentou hoxe este novo certame de debuxo na Escola de Educación Infantil Capela Carreira, no concello coruñés de Ribeira, un dos centros educativos que participa na campaña de sensibilización ambiental impulsada pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos Bolechas, a popular colección de libros infantís.

Precisamente, esta escola recibiu hoxe a visita dos Electrecos, que a través de xogos e de material específico adaptado ás idades do alumnado, trasládanlles un decálogo con comportamentos e actitudes colectivas e individuais que deben poñer en práctica tanto no seu centro como nos seus fogares.

Concurso de debuxo

O concurso de debuxo RAEE-Bolechas está aberto á participación de todo o alumnado de infantil e primaria, e o seu obxectivo é contribuír a concienciar as novas xeracións sobre a importancia de realizar unha correcta reciclaxe dos residuos derivados deste tipo de aparellos, tanto para garantir a boa saúde do planeta como a das persoas. Neste sentido, a finalidade da actividade promovida desde a Consellería de Medio Ambiente é subliñar o papel que xoga tamén o entorno escolar e os valores que se lles transmitan a través do colexio aos nenos á hora de que interioricen determinados hábitos e costumes.

Prazos e premios

O concurso desenvolverase do 6 ao 31 de maio. Haberá dúas modalidades para participar:

- de forma colectiva desde o colexio: o mestre ou mestra inscribe a súa aula no certame a través da web oficial da campaña e sete días despois un mensaxeiro pasa polo centro para recoller os debuxos

- de forma individual desde a casa: os escolares que participaron co colexio recibirán un código que unha persoa adulta deberá inserir na web para que, con ese mesmo debuxo, participe na modalidade individual. Pero as nenas e nenos que non participen na escola, tamén poderán ser inscritos e descargar na web a folla para facer o debuxo e participar.

Cada modalidade terá uns premios que se sortearán entre todos os debuxos presentados. No caso do alumnado que participe de forma colectiva, a aula que resulte gañadora levará un premio de 3.000 euros que terá que destinar a actividades educativas (viaxes culturais e similares). Entre o resto de aulas inscritas sortearanse 10 portátiles e 20 Bibliotecas Básicas dos Bolechas. E entre as nenas e nenos que participen na modalidade individual sortearanse outras 20 bibliotecas dos Bolechas.









Arquivos