Centos de persoas participaron este domingo no espectáculo que ofreceron Os Bolechas na cidade da Coruña. Os populares personaxes percorreron as principais rúas do casco urbano saudando a todos os nenos e nenas que se achegaron a coñecelos e despois dirixíronse aos Xardíns de Méndez Núñez onde presentaron o seu novo espectáculo circense.
O bo tempo animou a moitos coruñeses e a veciños doutras vilas próximas a achegarse ata a cidade para participar nesta festa promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e pola Deputación da Coruña, en colaboración co Concello da Coruña con motivo das Letras Galega.
No acto estivo tamén o creador dos Bolechas, Pepe Carreiro, quen asinou libros aos moitos fans que ten esta familia. Moitos deses contos foron os que se sortearon ao longo da tarde entre os asistentes; en total medio cento de libros coas historias máis divertidas de Carlos, Braulio, Sonia, Pili, Loli, Tatá e, como non, Chispa.
Moitas grazas a todos os que nos acompañastes e non esquezades que podedes ver os mellores momentos da tarde no álbum de Facebook. Agardamos volver a vervos moi pronto a todos!!