Os Bolechas ensinan a comer vexetais

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentou hoxe no CEP de Salvaterra de Miño Os Bolechas fan unha merenda con vexetais, o novo libro de Pepe Carreiro destinado a fomentar o consumo de froitas e hortalizas 


25 de xaneiro de 2016



Máis dun centenar de alumnas e alumnos do CEP Carlos Casares, de Salvaterra de Miño, recibiron hoxe cadanseu exemplar do novo libro Os Bolechas fan unha merenda con vexetais. A encargada de repartilos foi a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quen se achegou ata o centro para presentar este título, que se enmarca na campaña que desenvolve o seu departamento a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), e coa que tratan de fomentar o consumo de froitas e verduras entre os máis novos.

Con este fin, Medio Rural destinou algo máis de 300.000 euros á distribución de froitas frescas ao alumnado de centros escolares no curso 2015/2016, tal como explicou hoxe a conselleira na presentación do libro que apoia esta campaña e que protagonizan os populares personaxes de Pepe Carreiro, a mellor forma de chegar os máis novos dun xeito divertido á vez que didáctico.

Así xurdiu este título da colección “Guías” no que os irmáns Bolechas van á aldea dos seus curmáns e alí deciden organizar unha merenda campestre con todos os veciños a base de vexetais. Cada un preparará unha receita con vexetais dunha cor. Os Bolechas, por exemplo, collen froitas e hortalizas verdes, boas para dentadura, para ter os ósos fortes, para circulación do sangue… O veciño Roxelio cólleas amarelas e laranxas, boas para a vista e para protexernos das infeccións. Pero tamén hai vexetais brancos, violetas, vermellos…

Así, ademais de colorida e divertida, a merenda vai ser moi saudable. E, ao final da historia, o libro recolle unhas sinxelas actividades para que as cativas e cativos se divirtan e fixen os coñecementos adquiridos no conto. 

Gran festa cos Bolechas en Salvaterra

Tras a presentación do libro, as nenas e nenos do CEP Carlos Casares de Salvaterra, puideron gozar de múltiples xogos e actividades na compaña dos seus personaxes favoritos, Os Bolechas, que non quixeron perderse esta presentación. Máis dun centenar de rapaces aproveitaron a presenza dos seis irmáns e o seu can, Chispa, para facérense fotos e pasar unha mañá do máis divertida. 

O libro, do que se publicaron 5.000 exemplares, distribuirase entre colexiais dun total de 321 centros educativos de toda Galicia que foron beneficiarios das axudas para a distribución de froitas ao alumnado. Galicia participa no Plan de consumo de froitas e verduras nas escolas desde o 2009. En total, desde ese ano beneficiáronse deste programa case 300.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade.









Arquivos