“Os Bolechas” da TVG, nomeada a “Mellor serie de TV” nos Premios Mestre Mateo
Foi escollida como finalista na categoría de “Mellor serie de Tv” dos Premios Mestre Mateo 2013, tal e como anunciou esta mañá en Compostela a Academia Galega do Audiovisual, nun acto presentado por Luis Tosar e Camila Bossa.
A serie “Os Bolechas”, producida por Edicións Bolanda e TVG, competirá na categoría de “mellor serie de televisión”, con “Era Visto!” de Producións Zopilote, “Matalobos” e “Padre Casares”, ambas de Voz Audiovisual, no transcurso da gala que se celebrará o vindeiro 6 de abril no Palacio da Ópera da Coruña.
Tras cobrar vida en 2000 da man do seu creador, Pepe Carreiro, Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e Tatá deron o paso en setembro pasado ás pantallas para vivir unha chea de situacións que fan as delicias dos seus milleiros de seguidores cada día na segunda canle da TVG. A serie para televisión dos Bolechas emítese dentro do Xabarín Club, espazo infantil e xuvenil da TVG que obtivo o Premio de Honra destes premios pola súa traxectoria de case dezanove anos e como importante normalizador lingüístico.
A serie dos Bolechas para televisión é posible gracias a un equipo artístico e técnico de máis de trinta persoas. Da manipulación dos Bolechas encárgase Caramuxo Teatro, co elenco artístico composto por Xose Manuel Esperante, Victoria Pérez Varela, Sabela Amado Rojo, Óscar Ferreira, Juan Rodríguez Santiago e Laura Sarasola Pontón. A presentación de cada episodio corre a cargo de Ánxela Blanco “Xela”. A banda sonora é de Manuel Rivero. A produtora encargada da realización é a galega Lúa Filmes, sendo a produción executiva e idea orixinal de Bolanda.