A expo das variedades dialectais chega ao Salnés coas prazas para colexios completas ata fin de curso
Desde esta mañá e ata o 20 de xuño, día en que finaliza o curso escolar, a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' xa ten completas todas as quendas para visitas escolares. A carpa que achega, a través do universo Bolechas, a riqueza do idioma galego, estará en Vilagarcía ata o 26 de xuño.
A mostra, orientada a público familiar, está concibida para atender grupos escolares durante as mañás, unha opción á que se acolleron con notable éxito os centros educativos da comarca. En horario de tarde, a mostra tamén permanece aberta para público familiar, sen necesidade de cita previa.
Organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, a mostra abriu oficialmente as súas portas no Salnés esta mañá coa presenza dos Bolechas, que se achegaron ata Vilagarcía de Arousa para darlle a benvida e saudar aos preto de 70 alumnos e alumnas procedentes do CEIP A Escardia. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a tenente de alcalde de Vilagarcía, Tania García, o alcalde en funcións de Cambados, Víctor Caamaño, e Tomás Valín en representación de Bolanda Edicións.
Leal, explicou que estaban a presentar "un proxecto que estamos levando polas dez comarcas da provincia, porque entendemos que no Ano da Lingua temos que poñer o foco nas crianzas, que é un segmento de idade no que o galego está cada vez máis ausente". O deputado asegurou que "introducir o galego de xeito lúdico e dinámico a través dun produto tan consolidado como os Bolechas está resultando un éxito e un acerto" e enfocalo ás variedades dialectais "permite involucrar a toda a familia, non só ás crianzas" ao tempo que funciona, no eido educativo, "como un contido complementario ao traballo que se realiza nas escolas".
A tenente de alcalde de Vilagarcía, Tania García agradeceu a elección desa vila como parada da exposición para toda a comarca e asegurou que "os Bolechas forman parte da historia de Galicia e son o vehículo perfecto para achegar a lingua galega a toda a rapazada". Pola súa banda, o alcalde en funcións de Cambados, Víctor Caamaño, asegurou que "este tipo de iniciativas son moi necesarias para inculcar o uso do galego, porque nas idades temperás é cando os idiomas mellor se absorben". Caamaño indicou que "para un uso normalizado do galego é preciso ter acceso a todas as facetas da vida no noso idioma e para os nenos e as nenas poder usalo a través da diversión é o máis axeitado".
Máis datas e comarcas
A exposición, que arrancara en Pontevedra a mediados de maio e que estivo en Lalín ata este mesmo luns, permanecerá en Vilagarcía ata o 26 de xuño. No outono retomará a itineracia pasando por Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, Tomiño, Ponteareas e Vigo. O horario de apertura é de 10:00 a 13:30 h e de 16:00 a 20:00 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.