…mais hai tantos sitios fermosos neste concello, que non se deciden. Uns quererían vivir no pazo de Fefiñáns, outros na casa de Ramón Cabanillas ou mesmo na torre de San Sadurniño! Cóntano no novo título que se presenta este xoves, 2 de marzo, en Cambados.
O salón de plenos do Concello de Cambados acollerá este xoves, ás 12:00 h, a presentación do libro Os Bolechas van a Cambados, novo título da colección "Guías". Nesta historia, os irmáns Bolechas están na vila xogando con amigas e amigos cambadeses a pensar no lugar do concello onde máis lles gustaría vivir.
E hai moitos sitios, porque Cambados ten espazos espectaculares, como as ruínas de Santa Mariña Dozo, un dos cemiterios máis fermosos e singulares de Galicia. Adivinades quen quere vivir alí?
Para sabelo, e para darlles a coñecer aos máis novos este e outros lugares deste municipio das Rías Baixas, as Concellerías de Turismo e Cultura promoveron este libro dos Bolechas, coordinado polo concelleiro Víctor Manuel Caamaño, que permitirá a toda a cativada saber da riqueza cultural, histórica, literaria e patrimonial de Cambados.