Á venda seis novos títulos da Biblioteca Básica Os Bolechas

Tras o éxito dos primeiros 12 tomos, a Biblioteca Básica Os Bolechas amplíase con 6 novos títulos que complementan esta colección pensada para se converter na primeira biblioteca das nenas e nenos galegos. 


28 de outubro de 2015



Cos seis novos títulos que saen á venda agora, a Biblioteca Básica Os Bolechas pasa a ter 18 tomos destinados a achegar aos máis pequenos uns primeiros coñecementos sobre o mundo. Os novos títulos seguen a liña dos anteriores cun enfoque moi didáctico e contidos adaptados ás idades e intereses dos primeiros lectores, que atopan nesta Biblioteca unha divertida ferramenta de consulta e aprendizaxe.

Ao tempo, é unha excelente axuda para pais e educadores á hora de achegar novos coñecementos e formar os cativos en valores universais así como tamén en hábitos seguros e saudábeis. Para iso contan coa axuda das historias creadas por Pepe Carreiro que tanta acollida teñen por parte dos cativos, pero tamén con dúas ferramentas de gran éxito:

- O libro fala: un recurso didáctico que contribúe á comprensión das mensaxes e aporta valor engadido á experiencia lectora ao completar a historia con recursos sonoros didácticos accesibles desde o ordenador ou desde dispositivos móbiles a través de códigos QR.

- Pictogramas de fácil lectura: recurso educativo de gran valor, xa que resume a información, mellora a atención e a motivación e axuda á comprensión lectora. Trátase de imaxes que representan palabras ou ideas e que permiten seguir a historia máis facilmente. Son moi axeitados para lectores noveis ou para persoas con dificultades para acceder á lectura.

Seis novos títulos

A historia: Carlos quere saber que pasaba na época dos seus tataravós. Pero a historia empeza moito antes, cando os humanos nos pareciamos máis aos monos que ás persoas…

As tarefas da casa: Sonia sabe facer algunhas tarefas da casa, mais outras son moi difíciles. Con este libro aprenderemos que labores hai que facer para ter a casa limpa e organizada.

A cociña: Pili quere aprender a cociñar para facer un programa na tele, pero para iso ten que saber moito. Este título axudaraa.

A música: Braulio quere ser director de orquestra cando sexa maior, pero para iso ten que aprender moitas cousas sobre a música: que é, que tipos de instrumentos hai, estilos musicais…

Os animais salvaxes: Chispa é un animal doméstico; non ten que buscar comida e un sitio seguro para durmir. Mais non todos os animais o teñen tan doado, como verá neste libro.

Os océanos: A Tatá gústalle moito o peixe do seu acuario pero non sabe que no mar viven millóns de peixes xunto con outros animais, algas e plantas. Este libro ensinaralle moitas cousas sobre os océanos.

Estes títulos están á venda en todas as librarías galegas ao prezo de 10 euros. Para saber máis sobre Toda a información sobre os novos libros e sobre a colección está na páxina web da Biblioteca Básica Os Bolechas.









Arquivos