O 061 elixe Os Bolechas para a mellorar a formación en primeiros auxilios dos escolares

Un total de sete guías e un caderno de actividades conforman a nova colección de contos dos Bolechas destinada a mellorar a formación en primeiros auxilios dos nenos e das nenas en idade escolar.


18 de outubro de 2016



Nesta nova colección, que consta de oito libros, os Bolechas ensinan, coa colaboración do 061 de Galicia, como realizar axeitadamente as técnicas de primeiros auxilios nas situacións máis frecuentes para estas idades. Todos os contos están baseados en textos moi breves que presentan diferentes casos dunha maneira sinxela, atractiva e fundamentalmente visual para facilitar a aprendizaxe.

Durante o acto de presentación, realizado esta mañá no Centro de Educación Infantil e Primaria Raíña Fabiola de Santiago, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, destacou a importancia de que os nenos e nenas reciban formación en primeiros auxilios desde idades temperás e a través de personaxes coñecidos porque, desta maneira, a aprendizaxe é moito máis sinxela, incrementa neles o interese por aprender e perdura no tempo.

O director xeral de Educación, Manuel Corredoira, subliñou a colaboración entre administracións en todo o que repercuta no benestar da infancia, caso desta iniciativa para formar no eido dos primeiros auxilios dunha maneira lúdica e divertida. Unha aprendizaxe que "non repercute só nos propios cativos", xa que eles poden exercer de "correa de transmisión" dos seus coñecementos para as familias (pais, avós...).

Sete guías e un caderno

Os libros presentados forman parte dunha colección de seis contos nos que os Bolechas describen como actuar ante aquelas situacións que os máis pequenos adoitan atopar con maior frecuencia: insolacións e queimaduras polo sol, hemorraxias polo nariz, picaduras de abellas, trabadas de animais, feridas con obxectos cortantes e queimaduras. A maiores, esta serie conta cun caderno didáctico para poder repasar o aprendido e cun conto no que os Bolechas coñecen o 061 de Galicia facendo unha visita ás súas instalacións.

O director deste servizo, José Antonio Iglesias, subliñou a importancia de saber que, ante unha situación de risco para a saúde, os cativos poden contactar co 061 e alertar ao sistema de emerxencias. A súa chamada pode ser fundamental para minimizar secuelas e incluso salvar vidas.

Os escolares que hoxe participaron no acto xa levaron a súa colección á casa, ademais de coñecer máis de preto algúns dos equipos do 061, como as ambulancias desprazadas ata o colexio e que causaron auténtica sensación. 









Arquivos