A partir de setembro, novas aventuras dos Bolechas na Televisión de Galicia
A partir de setembro as aventuras máis divertidas dos Bolechas chegarán á Televisión de Galicia. Doce anos despois da súa creación, e convertidos nun auténtico fenómeno cultural, Os Bolechas cobrarán vida fóra do papel e chegarán ata a televisión autonómica.
Tras cobrar vida en 2000 da man do seu creador, Pepe Carreiro, Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e Tatá dan o paso ás pantallas para vivir unha chea de situacións que farán as delicias dos seus milleiros de seguidores.
Nesta nova andaina, Os Bolechas estarán acompañados da presentadora Ángela Blanco Lesta, “Xela” (A Coruña, 1983) quen tomando como base a ximnasia deportiva, acadou unha formación escénica multidisciplinar en Francia e España. Especializada en danza contemporánea e creación, conta tamén con experiencia en teatro físico, clown e acrobacias.
Tras aprender de mestres como Ana Beatriz Pérez, David Zambrano, Marta Carrasco, Ana Vallés, Hisako Korikawa ou Blandine Calais-Germain, traballou, á parte das súas tarefas de investigación e creación en solitario, con compañías como Fredi & Cía, Elefante Elegante ou Entremans.
Ten impartido clases de danza na Aula de Cultura da Universidade da Coruña e na AC Manicómicos, talleres infantís en diferentes museos e entidades culturais e recibido becas de formación artística e internacional (CNAC centre national des arts du cirque de france, estudi Anna Maleras) e como artísta residente (CCG na Fundación Luis Seoane, Manicómicos e NORMAL).
Xela acompañará aos Bolechas nesta nova etapa que dará comezo en pouco máis dun mes na Televisión de Galicia.