As aventuras dos Bolechas chegan á TVG

Os seis irmáns e a súa mascota, Chispa, creados por Pepe Carreiro cobran vida na Televisión de Galicia a partir deste luns, 24 de setembro.




A partir do luns, 24 de setembro, os seguidores dos Bolechas terán ocasión de gozar das aventuras dos seus personaxes favoritos a través da Televisión de Galicia. Doce anos despois da súa creación, Os Bolechas cobrarán vida fóra do papel e chegarán ata a televisión autonómica convertidos nun auténtico fenómeno cultural.

A peculiar familia creada por Pepe Carreiro e integrada por seis irmáns, Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e Tatá, ademais do seu cadelo Chispa, chega á televisión pública galega para deleite dos seus milleiros de fans. Os programas poderán verse dentro do Xabarín Club.

Os Bolechas estarán acompañados nesta nova andaina pola presentadora Ángela Blanco Lesta, “Xela” (A Coruña, 1983) cunha formación escénica multidisciplinar en Francia e España que inclúe danza contemporánea, teatro físico, clown e acrobacias. Tras aprender de mestres como David Zambrano, Marta Carrasco, Ana Vallés, Hisako Korikawa ou Blandine Calais-Germain, traballou, á parte das súas tarefas de investigación e creación en solitario, con compañías como Fredi & Cía, Elefante Elegante ou Entremans. Impartiu clases de danza na Aula de Cultura da Universidade da Coruña e na AC Manicómicos, talleres infantís en diferentes museos e entidades culturais e recibiu numerosas becas de formación artística.   

Da manipulación dos Bolechas encárgase Caramuxo Teatro, co elenco artístico composto por Xose Manuel Esperante, Victoria Pérez Varela, Sabela Amado Rojo, Óscar Ferreira, Juan Rodríguez Santiago e Laura Sarasola Pontón. A banda sonora e de Manuel Rivero. A produtora encargada da realización é a galega Lúa Filmes, sendo a produción executiva e idea orixinal de Bolanda, edicións e marketing. Un equipo artístico e técnico formado por máis de vintecinco persoas.

Así, doce anos despois de cobrar vida no papel da man do seu creador, Pepe Carreiro, Os Bolechas dan o paso ás pantallas para vivir unha chea de situacións que farán as delicias dos seus milleiros de seguidores.

Un paso máis

Esta aventura audiovisual conta coa colaboración de Novagalicia Banco e a Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os Bolechas inician unha nova etapa, tras convertérense nos debuxos preferidos dos cativos galegos grazas ás súas historias cotiás e facilmente asimilables polos nenos e nenas. De aí que se converteran en todo un fenómeno cultural que conta cunha auténtica lexión de seguidores.

Tras máis de 250 títulos ás súas costas, cada novo lanzamento editorial convértese nun gran éxito grazas a un público fiel e cada vez máis numeroso que soubo atopar nesta familia unha forma propia de entender o mundo.

Ademais Os Bolechas incorporáronse tamén ás redes sociais e contan xa con perfís en Facebook (www.facebook.com/osbolechas) e Twitter (@OsBolechas), así como unha páxina web, desde onde os cativos se poden dar de alta de balde no Club dos Bolechas e onde poden atopar xogos, novas, libros interactivos, actividades, visitar unha granxa de animais domésticos, cantar e outras atractivas seccións. Unha forma diferente e orixinal de seguir en contacto cos personaxes que xa forman parte da vida dunha xeración de mozos e mozas galegos. 









Arquivos