Este sábado chega á TVG o novo programa ‘Os Bolechas no cole’

Este sábado, 27 e febreiro, dá comezo na G2, a segunda canle da Televisión de Galicia, o novo programa dos Bolechas que abre unha xanela virtual ao magnífico traballo que desenvolven diariamente os profes nas aulas galegas.


26 de febreiro de 2021



Os Bolechas volven aos colexios galegos pero, desta volta, fano virtualmente para coñecer como están traballando, neste ano tan singular, diversos proxectos e temáticas ou celebrando datas significativas, como o magosto, o Nadal, o Entroido ou o Día contra a Violencia de Xénero.

Ao igual que BraulioTuber, este novo programa ten como protagonistas absolutos as nenas e nenos de educación infantil e primaria de toda Galicia e o profesorado, cuxa participación é esencial para levar a cabo o programa. Grazas a eles poderase ver o enorme esforzo que se está a facer cada día nos centros escolares para seguir ensinando con seguridade, alegría e imaxinación.

A través da segunda canle da TVG, toda a comunidade educativa e as familias poderán ver o gran labor, vital para o noso futuro como sociedade, que se desenvolve nas aulas, e sorprenderanse coa cantidade e diversidade de proxectos que se están levando a cabo nas escolas sobre temas do máis variado, con extraordinarias doses de entusiasmo, innovación e enxeño. De aí a aposta dos Bolechas e a TVG por abrir unha canle directa co mundo escolar e amosar, deste xeito, a relevante encomenda de quen está formando as futuras galegas e galegos.

Un sorprendente experimento final

Cun formato moi sinxelo, rápido e fresco, cada aula presentará un tema elixido por eles, que exporán de forma natural, como se fosen auténticos profesionais da comunicación. O programa complétase cun experimento de Braulio Bolechas, o personaxe máis científico da familia, que nos minutos finais de cada capítulo pon en práctica un experimento adaptado ás idades do público, co obxectivo de ensinar dunha forma práctica e divertida.

Os coles de Poio e Bandeira inauguran a nova serie

A partir de mañá, esta nova aventura titulada “Os Bolechas no cole”, formará parte da faixa educativa da G2. Os primeiros capítulos poderán verse este sábado a partir das 11:00 h e permitirá achegarse ao traballo que desenvolven o CEIP Plurilingüe de Chancelas en Poio e o CEIP Ramón de Valenzuela (Bandeira). As nenas e nenos de Poio farán sobre o seu proxecto “Martes con arte”, unha innovadora fórmula para que cada estudante desenvolva as súas habilidades e llas mostre ás compañeiras e compañeiros. No experimento final aprenderemos a tocar música con vexetais.

Pola súa banda o alumnado do CEIP Ramón de Valenzuela (Bandeira) amosaranos o proxecto sobre a radio que teñen en marcha: “Radio Garabullo” co que, aseguran, aprenden máis que nas clases. E no experimento final veremos… cores explosivas.









Arquivos