Un ano máis os Bolechas participarán na festa que organiza Voz Natura no parque de Acea de Ama (Culleredo). E nesta ocasión estaremos tamén co Centro de Transfusión de Galicia mostrando o importante e fácil que é doar sangue.
Os Bolechas corpóreos participarán un ano máis na festa de fin de curso que organiza Voz Natura no concello de Culleredo. A partir das 11:00 h, e durante todo o día, o parque de Acea de Ama acollerá numerosas actividades e xogos, ademais da habitual entrega de premios na que, como vén sendo habitual, estarán os Bolechas para felicitar os gañadores e tamén a todos os participantes no programa medioambiental, que o próximo curso cumprirá 20 anos.
A entrada é libre para todas as persoas que desexen asistir e a participación en todas as actividades é totalmente gratuíta. Entre esas actividades estarán xogos tradicionais e diversos obradoiros que ofrecerán os Bolechas na súa carpa. Tamén haberá inchables, competicións deportivas, exhibicións, actuacións etc.
Colaboración co Centro de Transfusión de Galicia
Pero este ano os Bolechas colaborarán tamén noutra importante iniciativa que terá lugar no marco desta festa Voz Natura. Os irmáns Bolechas estarán no stand do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, que estará tamén no parque deportivo de Acea de Ama.
Os adultos poderán aproveitar para doar sangue na unidade móbil do CTG das 10:00 ás 15:00 e das 15.30 ás 20:30 horas, e os mais pequenos gozarán de distintas actividades, coma un caderno dos Bolechas onde aprenderán, de forma divertida e moi didáctica, como e para que serven as doazóns de sangue.
Esperámosvos este sábado, 4 de xuño, en Culleredo!