Os Bolechas fomentan hábitos saudables entre os máis novos

Esta mañá presentouse en Santiago o libro Os Bolechas educan a Pepiño Chispa, unha nova aventura que vén acompañada dunha web destinada a fomentar a importancia da actividade física e da alimentación saudable. A iniciativa forma parte do plan de prevención da obesidade infantil que se aprobará este xoves no Consello da Xunta. 


11 de marzo de 2014



O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, asistiron á presentación desta nova iniciativa dos Bolechas promovida pola Consellería de Sanidade, a Unión de Consumidores de Galicia e o Foro Interalimentario e que se enmarca no Plan Xermola, orientado á prevención da obesidade xuvenil e infantil, un “grave problema que aínda estamos a tempo de parar”, segundo dixo o presidente.

“En Galicia un 26 % dos nenos de entre 6 e 12 anos ten sobrepeso”, informou Núñez Feijóo, unha situación á que é necesario poñer freo. E entre as iniciativas que se porán en marcha desde o goberno galego para iso está a edición desta nova historia dos Bolechas, que vén acompañada de varias propostas paralelas, como a posta en marcha dunha páxina web, www.osbolechas.gal/saude, con xogos educativos e divertidas actividades destinadas a fomentar estilos de vida saudables. 

O libro, Os Bolechas educan a Pepiño Chispa, está dirixido “a nenos de 4 a 7 anos e será distribuído en centros educativos, hospitais e bibliotecas públicas”, sinalou o presidente da Xunta na súa intervención, na que convidou os nenos e nenas presentes a “facer máis deporte e comer mellor para estar máis sans e fortes”. Feijóo destacou ademais a colaboración entre os departamentos de Sanidade e Educación para abordar o problema da obesidade desde todos os ámbitos e buscar a mellor forma de poñerlle freo.

O autobús, gran protagonista

Máis dun centenar de nenos e nenas asistiron á presentación, que consistiu nunha gran festa onde non faltaron Os Bolechas nin o seu autor, Pepe Carreiro, qeu lles explicou os pequenos como crea as historias dos seus personaxes preferidos.

Pero, sen dúbida, o gran protagonista foi o autobús dos Bolechas que chamou a atención de todos os que pasaban pola praza do Obradoiro. Nin o presidente da Xunta se resistiu a visitalo e coñecer todas as actividades que ofrece para os cativos, desde a zona de lectura ata a ludoteca ou a sala de cine.  









Arquivos