Os Bolechas apoian a candidatura Cíes-Illas Atlánticas Patrimonio da Unesco

Os Bolechas visitaron as Cíes acompañados por 150 estudantes de catro colexios de Bueu, Vigo, Ribeira e Vilagarcía de Arousa para participar na actividade de dinamización lingüística e medioambiental Os Bolechas van ás Illas Atlánticas, no marco das accións de promoción da candidatura Cíes-Illas Atlánticas Patrimonio da Unesco impulsada pola Xunta e da celebración do Día Mundial do Libro.


24 de abril de 2018



Xunto cos escolares e os Bolechas, participaron na xornada diversas autoridades autonómicas e municipais, como o delegado territorial da Xunta  en Vigo, Ignacio López-Chaves; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e representantes municipais de Concellos aos que pertence o Parque. O motivo da visita era triplo, segundo explicou o conselleiro: celebrar o Día do Libro, promocionar a candidatura a Patrimonio da Humanidade e celebrar o Ano europeo do Patrimonio Cultural que este mesmo mes de abril a Xunta dedica precisamente a este Parque Nacional.

Román Rodríguez subliñou a importancia de actividades coma esta para fomentar entre os máis novos o coñecemento da riqueza cultural, paisaxística e medioambiental que os rodea; e a necesidade de coidala e preservala para as xeracións vindeiras.

A comitiva partiu do porto de Vigo arredor das 10.45 h en dirección ás illas Cíes. Xunto coas autoridades e Os Bolechas corpóreos ían os escolares dos colexios CEIP Ría de Vigo, CEIP Plurilingüe A Pedra de Bueu, CEIP Heroínas de Sálvora de Ribeira e CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa. Tras desembarcar os escolares recibiron cadanseu libro coa historia dos Bolechas dando a coñecer o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Orgullo e implicación de toda a sociedade

A Consellería de Cultura quere que esta guía dos Bolechas sirva para implicar a “todo o conxunto da sociedade, pero moi especialmente das novas xeracións, na defensa e revitalización dos tesouros que herdamos dos nosos antepasados, sexan paisaxe, medio natural, arquitectura, festas, ou a propia lingua”. Do mesmo xeito, o Goberno galego agarda que o recoñecemento das Illas Atlánticas como Patrimonio da Humanidade permita que a sociedade galega comparta co resto do mundo este tesouro que hoxe coñeceron in situ os escolares que participaron nas diversas actividades organizadas na illa co fin de afondar na riqueza natural que describe a guía e, ao igual que fan os populares personaxes no conto, gozar dunha fantástica aventura nas Cíes.

Os Bolechas van ás Illas Atlánticas

A aventura do novo libro dos Bolechas comeza no porto de Vigo, onde os irmáns embarcan, xunto á súa mestra Clara e aos compañeiros e compañeiras da escola, para iren de excursión ás Cíes. Falta Tatá, que queda cos pais porque aínda é moi pequeno, e Chispa, porque no Parque Natural das Illas Atlánticas, só poden entrar os cans guía. Tras a viaxe en barco, na que ven un golfiño saltar diante deles, desembarcan na illa de Monteagudo e diríxense á do Faro, dúas das tres illas que forman as Cíes. Polo camiño van debuxando os animais e as plantas que ven… e buscando un príncipe encantado.

O libro, que inclúe pictogramas para facilitar a lectura da cativada con máis dificultades ou de menor idade, remata cunha pequena unidade didáctica destinada a fixar o aprendido e unha serie de recomendacións para andar polo parque. Unha boa forma de coñecer as Cíes e mesmo de preparar unha visita inesquecible a este privilexiado lugar da nosa comunidade.









Arquivos