Máis de 600 colexios participaron xa en “Debuxa o teu cole”

O concurso “Debuxa o teu cole”, organizado polos Bolechas e Novagalicia Banco, está a bater récord de participación, con máis de 600 colexios inscritos na primeira semana de concurso e máis de 14.000 nenos e nenas galegos facendo o seu debuxo para participar. 




O concurso está dirixido a alumnos de infantil e primaria de toda Galicia, que poden participar de forma individual e/ou conxuntamente coa súa clase. O prazo de participación no concurso remata o sábado día 30 deste mes.

Na modalidade de participación desde o colexio, é o profesor/titor quen inscribe á súa clase na web www.novagaliciabanco.es/osbolechas, onde se lle vai guiando polos pasos a dar para participar.

Pero os nenos e nenas tamén poden concursar de forma individual entrando no apartado “Desde a casa” da mesma web, onde o sistema lles permite aos que xa fixeron o debuxo coa escola meter un código e participar de forma individual co mesmo debuxo e, aos que non participaron no colexio, inscribirse e descargar a súa plantilla para poderen participar e optar aos premios que se sortean nesta modalidade.

Os inscritos “Desde a casa” superaban ao remate dos primeiros sete días de concurso os 450, e unha gran maioría xa enviaran o seu debuxo por correo electrónico.

Máis de 6.000 euros e 60 Bibliotecas Básicas

Todos os colexios que concursen recibirán un lote de cadernos de actividades dos Bolechas que se deixará nos centros no momento de recoller os sobres cos debuxos. Pero, ademais, sortearase un gran premio de 3.000 euros para o centro escolar gañador.

Na modalidade individual sortearanse 30 premios de 60 euros, 30 premios de 30 euros e 60 Bibliotecas Básicas Os Bolechas, que inclúen 12 libros mais a Mulecha (a maleta-vaca dos Bolechas).

As bases do concurso poden consultarse na citada web, onde tamén se pode acceder á participación nas distintas modalidades dun xeito moi sinxelo e intuitivo a través dos pasos polos que a propia páxina vai guiando aos participantes en cada unha das opcións.









Arquivos