Os Bolechas animan a quedar na casa gozando de propostas didácticas e de ocio
A familia Bolechas anima a cativada a quedar na casa e aproveitar este tempo para aprender, divertirse, axudar e gozar da familia. Xogos e actividades na web, curso de inglés-galego e capítulos dos Bolechas son algunhas das propostas dispoñibles xa ás que se van sumando moitas máis cada día a través das redes sociais.
Quedan por diante moitos días na casa e resulta imprescindible buscar momentos de ocio e de diversión pero tamén de aprendizaxe e repaso. É importante fixar uns hábitos especialmente de cara ás nenas nenas e nenos máis pequenos. Os Bolechas, a través da web e das diferentes canles dixitais, ofrecen alternativas didácticas e de ocio que farán máis levadeiro este tempo na compaña duns personaxes moi queridos para a rapazada galega.
Nesta web hai dispoñibles en aberto varios xogos, desde sopas de letras e quebracabezas a debuxos para colorear, xogos de preguntas e respostas etc. Tamén na páxina web hai un apartado de descargas con materiais especialmente deseñados para promover a motricidade e a creatividade. Entre as propostas hai dúas pensadas para o día do pai, de forma que as nenas e nenos poidan continuar a súa actividade do xeito máis normalizado posible ao tempo que se divirten e aprenden.
Con este mesmo obxectivo na área didáctica da web hai dispoñible material para traballar diversas temáticas, tanto referentes a cultura e lingua como a hábitos saudables ou cidadanía, temas que cobran un especial interese neste momento no que a saúde, a solidariedade e a conciencia cívica e cidadá adquiren unha gran relevancia.
Outro material interesante é o curso de inglés-galego. Na páxina web osbolechas.gal/one2three, están dispoñibles tamén xogos e actividades, así como os capítulos da serie, perfectos para repasar pasándoo en grande cos Bolechas.
Audiovisuais e libros online e novo material en redes
Ademais dos capítulos da serie One2Three, na canle de TV desta web hai dispoñible moito material audiovisual, desde concertos ata capítulos da serie dos Bolechas e de Brauliotuber, o programa de Braulio nos colexios galegos, que tamén poden verse na canle de Youtube dos Bolechas, na web da Televisión de Galicia e mesmo na app do Xabarín. E, por suposto, cada día a canle pública autonómica continúa emitindo as aventuras da popular familia na programación infantil da súa segunda canle.
Un material ao que se suman moitos dos libros e guías dos Bolechas dispoñibles online e novas propostas nas que se está a traballar e que se van publicando cada día tanto na web como nas redes sociais dos Bolechas (Facebook e Twitter), co fin de colaborar a facer o máis levadeira posible esta difícil situación que estamos a vivir e normalizar no posible a vida diaria da cativada da man dos seus personaxes favoritos.
Todo cunha mensaxe moi clara que se encarga de transmitir estes días, en nome de toda a familia, un dos personaxe máis queridos, Braulio Bolechas: #EuQuedoNaCasa.