Xinzo, Bande, Celanova, Ourense, Carballiño e Ribadavia son as próximas paradas da Caravana Bolechas, que está a deixar agasallos e premios alá por onde vai.
Os Bolechas comezaron o sábado unha xira para dar a coñecer entre os máis cativos a riqueza patrimonial, natural, cultural e gastronómica da provincia de Ourense. A popular familia estivo xa no Barco de Valdeorras, na Pobra de Trives e en Verín, onde cento de nenas e nenos gozaron das moitas actividades que propón a Caravana Bolechas, como talleres de debuxo e chapas, karaoke, ludoteca, aula de informática, xogos interactivos karaoke, animación e ata cine.
A iniciativa, promovida pola Deputación de Ourense, percorre estes días toda a provincia con paradas en nove vilas: ademais das mencionadas, a Caravana –que inclúe o R4 dos Bolechas e o espectacular autobús de dous pisos–, estará aínda en seis localizacións máis, onde todos os que se acheguen recibirán de agasallo o libro Os Bolechas van a Ourense.
Próximas citas
A Caravana Bolechas porá rumbo a Xinzo este martes; estará situada na praza Carlos Casares no horario habitual: de 12:30 h a 14:30 e de 16:30 a 20:30 h. O mércores fará parada na praza da Constitución de Bande, o xoves en Celanova e o venres chegará á capital da provincia, onde se situará na praza Maior. Xa na fin de semana Os Bolechas visitarán O Carballiño –na praza Maior–, e o domingo 19 de abril rematarán a súa xira nos Jardinillos de Ribadavia.
Sorteo de grandes premios
Ademais de gozar das moitas actividades e xogos e de ver Os Bolechas corpóreos, que estarán en todas as vilas polas tardes, as nenas e nenos que se acheguen á Caravana poderán participar nos sorteos que terán lugar diariamente ao rematar a xornada en cada localidade e levar fantásticos agasallos dos Bolechas, desde libros-CD ata cursos de inglés dos Bolechas One2Three.
Todas as datas, actividades, sorteos e premiados poden consultarse nunha páxima web específica desta xira: www.osbolechas.gal/sultan/vanaourense, así como na web dos Bolechas e nos perfís que teñen nas redes sociais (Facebook e Twitter).