Percorremos de novo Galicia cunha actividade familiar e participativa do ‘FalaRedes’
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro, presentaron esta mañá ‘De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas’, a nova actividade do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes 2017'.
Co título ‘De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas’, a proposta da popular familia pretende que a cativada galega percorra a súa comunidade autónoma a través de actividades e preguntas que porán a proba os seus coñecementos sobre Galicia: cultura, xeografía, gastronomía, tradicións…
Todo terá cabida nesta divertida iniciativa na que, coma é habitual, o protagonista será o público presente na sala, que deberá axudar os Bolechas nas probas que lles porá Eustaquio, o “malo” desta edición e dono da pousada á que chegan perdidos os populares personaxes que están facendo o Camiño de Santiago. Para axudalos a atopar de novo a senda, Eustaquio failles probar un taboleiro de xogo que está construíndo, semellante ao xogo da oca. E aí será onde o público deberá axudalos demostrando o que saben sobre Galicia.
Ao tempo, como soe ser habitual nesta proposta, trátase de fomentar hábitos saudables entre a cativada, de aí que se inclúan divertidas probas físicas e de habilidade que tamén estarán relacionadas coa nosa comunidade. E, como non podía ser doutro xeito, no noso idioma, de forma que aprendan e se divirtan na lingua propia, a que usan sempre os Bolechas, e que permitirá ás cativas e cativos galegos gozar dun momento inesquecible cos seus personaxes favoritos.
O secretario xeral de Política Lingüística destacou o “carácter participativo” desta actividade que nos catro anos que leva celebrándose ten demostrado un “rotundo éxito entre as nenas e nenos galegos que teñen nos Bolechas un referente galegofalante de gran valor pedagóxico” e animounos “a desenvolverse en galego en todos os ámbitos da vida, igual que os Bolechas”.
Máis dunha vintena de citas nas próximas semanas
A actividade empeza este sábado, 16 de setembro, en Moraña. A cita será ás 18:00 h na Casa da Cultura ADR Castelao, e continuará durante as próximas fins de semana en Sober, Castrelo de Miño, Barro, Caldas de Reis, Castro Caldelas, Triacastela, Quiroga, Rianxo, Pazos de Borbén, A Bola, Frades, Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove. En total, 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) recibirán a visita dos Bolechas grazas á nova edición do programa FalaRedes. As datas da xira poden consultarse na web da actividade, osbolechas.gal/dechispaatata.
Xogos, actividades e sorteos
Como é habitual nesta proposta dos Bolechas para FalaRedes, a participación non se limita ao día do espectáculo xa que se amplía e ten continuidade a través das novas tecnoloxías. Na web, ademais do calendario e toda a información sobre a actividade, todas as nenas e nenos galegos poden gozar de actividades e xogos relacionados coa iniciativa e mesmo participar na vintena de sorteos que se levarán a cabo e gañar lotes de libros dos Bolechas.