Celebramos con Cogami o Día Internacional das Persoas con Discapacidade
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade aproveitou a data para presentar unha completa proposta didáctica destinada a visibilizar as capacidades das persoas con discapacidade nas escolas galegas. Para iso contaron coa axuda de Política Lingüística e dos Bolechas.
O vicepresidente de Cogami, Ramón Sestayo e o secretario xeral de Política Lingüística. Valentín García Gómez, celebraron este mediodía con máis de 200 escolares do CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Xunto con eles estiveron os Bolechas, protagonistas dunha serie de materiais destinados a achegarlle á cativada galega o mundo da discapacidade baixo a mensaxe de que "unha discapacidade non incapacita á persoa, só lle complica as coudas" e que coa axuda da tecnoloxía e de todas as persoas que conformamos a sociedade, pódense superar moitas barreiras e lograr unha sociedade máis igualitaria e feliz.
Valentín García explicou que a participación de Política Lingüística enmárcase no interese de achegar a lingua galega a "todos os espazos da sociedade e, dunha maneira moi especial, no ámbito da educación en valores democráticos, como o respecto á diversidade". De aí a presenza dos Bolechas, "que tanto éxito teñen entre os nenos e nenas, e que sempre falan en galego, para colaborar neste proxecto e en calquera que se oriente á educación no respecto e no valor da diversidade, unha tarefa que ten repercusións en diversos ámbitos: no da lingua, no da ecoloxía, no da igualdade de xénero e no aprecio a persoas con capacidades diferentes".
Materiais didácticos
No acto presentouse ademais o material pedagóxico, que inclúe unha unidade didáctica para traballar o mundo da discapacidade nas etapas de educación infantil e primaria co fin de axudarlle ás nenas e nenos a comprender a diversidade do xénero humano e a mostrar actitudes de respecto e de empatía. Para iso, a unidade conta con explicacións e actividades en tres niveis diferentes de dificultade que se completan con divertidos xogos en liña. Tanto os xogos como a unidade didáctica poden atoparse na web específica dos Bolechas e no Portal da Lingua Galega.
Microexperiencias
O acto institucional e a presentación dos materiais educativos completouse cunha serie de obradoiros dirixidos ao alumnado do CEIP Emilia Pardo Bazán onde se puxeron en práctica algunhas das actividades propostas na unidade didáctica. Así, os nenos e nenas foron pasando por diversos microespazos onde, acompañados polos Bolechas e por monitores especializados, pintaron, elaboraron chapas e experimentaron brevemente as distintas discapacidades que condicionan o día a día de moitos cativos e cativas do seu tempo: a superación dun circuíto de obstáculos en cadeira de rodas, o descubrimento de obxectos cos ollos vendados ou a explicación dalgún concepto sen usar palabras, entre outros.