Durante unha semana os fans dos Bolechas na rede ofreceron un bo repertorio dos “erros” lingüísticos cos que os máis cativos nos fan rir cada día. Entre as máis de cen participacións atopamos palabras como rompepista, difácil, cocheneta, biciclistas ou adoxcelente. Tamén descubrimos novos xentilicios como Tangas do Morrazo e Maquica ou curiosas definicións como o can vaca (dálmata), mirar de espello (mirar de esguello), Dora a explotadora ou Tío Bogán (tobogán).
As votacións estiveron moi igualadas desde o principio, os case 2.000 votos repartíronse entre 112 participantes. Entre os cinco máis votados realizouse un sorteo para escoller o afortunado gañador da Biblioteca Básica Os Bolechas:
- Rocío García Pazos (167): choradas
- Carla García Ferreiro (149): hai unha conca na parantala
- Gema Ferreiro Losa (138): méquido, cotoro
- Leonor Losa Molina (123): paquelo, perioquido
- Rocío Ferreiro Losa (122): afeite de olila
Rocío García Pazos foi a seleccionada e recibirá no seu domicilio o primeiro premio do concurso. O resto de finalistas tamén terán o seu agasallo, un xogo de 7 chapas dos Bolechas para cada un.