Os Bolechas viven o Entroido na TVG

Os seis irmáns e a súa mascota, Chispa, creados por Pepe Carreiro cobrarán vida na Televisión de Galicia para vivir cos máis pequenos o Entroido máis divertido.

O programa poderá verse o luns, o martes e o mércores de Entroido na segunda canle da TVG a partir das 11.30 horas.




Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2012.- Doce anos despois da súa creación, e convertidos nun auténtico fenómeno cultural, Os Bolechas cobran vida fóra do papel e chegan ata a Televisión de Galicia para vivir un Entroido cheo de aventuras e diversión. A peculiar familia creada no ano 2000 por Pepe Carreiro e integrada por seis irmáns e o seu cadelo, Chispa, chega á televisión pública galega este Entroido para deleite dos seus milleiros de fans. 

O programa, de case media hora de duración, emitirase o luns, martes e mércores a partir das 11.30 horas. Estará presentado por Sonia Méndez e contará con diversas seccións, como un karaoke, un espazo destinado a aprender cousas novas –neste caso como limpar ben os dentes–, e mesmo asistirán a unha clase de inglés.

Pero ademais Carlos, as xemelgas Loli e Pili, Braulio, Sonia e Tatá vivirán dúas divertidas aventuras, “A pantasma” e “Os chourizos”, propias das datas nas que estamos: o Entroido. Os irmáns Bolechas buscarán máscaras e disfraces para gozar como é debido destas festas e tratarán de atopar uns chourizos desaparecidos para completar o cocido de Entroido que están a preparar seus pais.

Máis Bolechas que nunca

Con este capítulo especial de Entroido na TVG, Os Bolechas comezan unha nova etapa coas aventuras infantís máis seguidas polos rapaces e rapazas de Galicia, onde se converteron nun fenómeno cultural que conta cunha auténtica lexión de seguidores. Tras máis de 250 títulos ás súas costas, cada novo lanzamento convértese nun gran éxito grazas a un público fiel e cada vez máis numeroso que soubo atopar nesta familia unha forma propia de entender o mundo. 

Os Bolechas estrean, ademais, perfís en Facebook (www.facebook.com/osbolechas), Tuenti e Twitter (@OsBolechas), así como unha nova páxina web, www.osbolechas.gal, desde onde os cativos se poden dar de alta de balde no Club dos Bolechas e onde poden atopar xogos, novas, libros interactivos, actividades, visitar unha granxa de animais domésticos, cantar e outras atractivas seccións. Unha forma diferente e orixinal de seguir en contacto cos personaxes que xa forman parte da vida dunha xeración de mozos e mozas galegos.

Ademais en breve Os Bolechas preparan novas e espectaculares sorpresas que inclúen concursos, agasallos, promocións, espectáculos... que farán as delicias dos milleiros de amigos e amigas desta querida familia.

FICHA TÉCNICA: OS BOLECHAS. ESPECIAL ENTROIDO
Produción: Santiago Romero
Produción executiva: José Carlos Santos
Realización: Ramsés Rivera
Axte realización: Jorge Tombo
Guión: Pepe Carreiro, Abraham Carreiro
Dir. Foto: Eva Díez
Dir. Arte: Andrea Pozo
Op. Cámara: Luis Solarat, Álex Aguete, Ángel Sousa
Postprodución: Omar Fernández, Ramsés Rivera
Aderecista: Tanis Villar
Son: Toni Penido, La panificadora
Script: Almudena Navarro
Vestiario: Bego Misa
Perruquería e maquillaxe: Rocío Hermida
Presentadora: Sonia Méndez
Caramuxo Teatro: Juan Rodríguez, Laura Sarasola, Victoria Pérez, Sabela Amado, Xosé M. Esperante, Óscar Ferreira
Voz en off: Iñaki Baliño
Música cabeceira (Volvox): Gonzalo Alonso, Beni Gago
Duración: 25 minutos
Idioma: galego









Arquivos