Os Bolechas participan na presentación de Peque Peixe en Burela
A lonxa de Burela presentou hoxe un proxecto para divulgar entre a cativada terminoloxía pesqueira e mariñeira en galego. E os Bolechas non quixeron perderse esta cita na que participaron máis de 130 escolares da comarca e a gañadora do programa Master Chef Junior, Ana Oca.
Os Bolechas estiveron hoxe na lonxa de Burela para asistiren á presentación de Peque Peixe, a iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración con Armadores de Burela (ABSA) e a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-7), para formar as novas xeracións na terminoloxía mariñeira e pesqueira en galego.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, lembroulles aos asistentes que "Galicia é unha terra con moito mar e onde moita xente vive deste, así que a nosa lingua propia conta con nomes ben expresivos e axeitados para denominar os peixes que comemos". Por este motivo, fixo un chamamento "a seguir empregándoos e a facelos visibles nos carteis das peixarías, das prazas e dos supermercados, así como a transmitírllelos aos nosos fillos e fillas cando nos sentamos con eles á mesa a compartirmos o tan saudable hábito de comer peixe".
Os Bolechas exerceron de guías dos 132 estudantes da comarca que se deron cita na lonxa lucense para coñecer o seu funcionamento e as especies que comercializa. A xornada rematou cunha demostración culinaria a cargo de Ana Oca, finalista do programa televisivo Master Chef Junior, quen mostrou varias receitas de peixe e explicou por que é bo e necesario incluílo nunha dieta saudable.
Ademais, durante o acto presentáronse as seis unidades didácticas, destinadas a nenas e nenos de 3 a 15 anos, nas que se dan a coñecer aspectos como tipos de peixes, profesións mariñeiras, artes de pesca ou a bioloxía do mar. Os materiais poden descargarse en pequepeixe.gale noPortal da Lingua Galega.
Unha iniciativa que permitirá coñecer polo miúdo un dos sectores máis próximos á nosa realidade.